Alianza entre Deputación e Asociación de Empresarios de Valdeorras para impulsar medidas dinamizadoras na comarca

Videoconferencia Manuel Baltar con Araceli Fernández del Palacio (Presidenta da Asociación de Empresarios de Valdeorras - AEVA).

A Deputación de Ourense e a Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA) impulsarán conxuntamente medidas de dinamización económica na comarca valdeorresa, para favorecer a recuperación económica nesta difícil etapa da pandemia e tamén cara á época poscovid. Así o confirmou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, trala reunión por videoconferencia que mantivo coa presidenta de AEVA, Araceli Fernández, e directivos desta entidade empresarial, con que analizou, entre outros temas, o que será o desenvolvemento do proxecto “AEVA Emprégate 3”, derivados das anteriores iniciativas AEVA Emprégate 1 e 2, que tamén contaron coa colaboración da Deputación de Ourense. 

“Na reunión falamos de contribuír aos gastos de funcionamento de AEVA, unha entidade que sempre ten presente iniciativas esenciais para a comarca, e puxemos sobre a mesa cuestións de cooperación cultural e turística, como a potenciación do “Camiño de Inverno”, e por suposto, desenvolver programas de formación, de busca de emprego, de auto-emprego e asesoramento xurídico-laboral, e tamén liñas de colaboración como a que levamos a cabo neste tempo de pandemia como foron as axudas autónomos, postas en marcha pola deputación e para o que AEVA foi un colaborador necesario”, destacou Manuel Baltar. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente do goberno provincial salientou que hai que seguir na mesma liña e que a Deputación de Ourense “continuará apoiando a AEVA, unha das asociacións máis activas do territorio, que reivindica intereses empresariais, culturais, sociais, económicos, gastronómicos e de sectores como o agroalimentario, tan importante”. “En momentos como o actual cómpre pór en valor, como fai AEVA, propostas para colaborar e para dinamizar o territorio e o emprego e que xeren riqueza. Por esa razón a deputación valora moi positivamente á capacidade propositiva de AEVA e vai seguir colaborando con esta asociación, que destaca non só no ámbito empresarial senón tamén no ámbito dunha comarca especialmente activa e que contribúe de maneira significativa ao PIB provincial, como é Valdeorras”, afirma Manuel Baltar.