Galicia lidera a caída do paro no Estado. O Carballiño e O Ribeiro recuperan emprego case na totalidade dos concellos

Galicia iniciou o ano cunha baixada do paro do 1,90% (-3.603 persoas) e cun aumento da contratación indefinida e a tempo completo con respecto a decembro de 2020. De feito, Galicia lidera a caída do paro no Estado na comparativa mensual e é unha das dúas comunidades, xunto con Baleares, nas que baixa o desemprego, mentres que en España medra. En canto ás afiliacións á Seguridade Social, a cifra sitúase a un nivel superior ao reflectido hai dez anos. A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro rexistrado.

Na provincia, os datos deixan certa positividade, ó rexistrarse 437 demandantes menos que no mes anterior, co que a cifra total queda nos 20.781 parados. O sector primario reduce o número de parado en 103 persoas, mentres que a industria reduce 22, a construción 19 e o sector servizos 92.

AVANTAR ACTIVIDADES

En canto á nosa contorna, a comarca do Carballiño reduce os desempregados en 89 persoas, pasando dos 1.829 do mes pasado ós 1.740 deste mes. Lideran esa baixada no paro o concello do Carballiño, con 48 persoas empregadas novas; Maside, que conta con 13 parados menos e Boborás e San Amaro con 10 persoas menos no paro cada un.

No Ribeiro, a comarca tamén presenta recuperación económica, con 47 persoas menos no paro. Destacan Ribadavia conta con 18 traballadores en activo máis este mes; Leiro con 12 parados menos e Castrelo de Miño e Carballeda de Avia con 11 desempregados menos cada un.