O Psdeg-Psoe solicitará a presenza dun intérprete de signos en todos os actos do concello e reclamará “apoio institucional urxente” para as persoas xordas de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O grupo municipal socialista estima “claramente insuficiente” a subvención de 11.000 € anuais para o colectivo APSOU –que ofrece apoio a 140 persoas xordas na cidade–  e esixe un aumento da contía

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

As Xuventudes Socialistas comprométense a manter colaboración coa asociación a través da inclusión das súas demandas na axenda política da cidade e o fomento de cursos de formación en lingua de signos

Ourense, 1 de febreiro de 2021. O grupo municipal do PSdeG-PSOE e as Xuventudes Socialistas de Ourense veñen de manter un encontro dixital con APSOU ­–un colectivo de persoas xordas con 140 asociados en Ourense­–, no que os socialistas se comprometeron a solicitar, na vindeira sesión plenaria, a “presenza obrigatoria” dun intérprete de signos en todos os actos do Concello para así eliminar a “discriminación” que sofren estas persoas no dereito de acceso en igualdade á información pública da administración local. 

Ademais, estiman que a axuda económica que recibe o colectivo dentro do Plan Estratéxico Anual de Subvencións é “claramente insuficiente” para o desenvolvemento da súa actividade, e reclamarán “apoio institucional urxente” a través do incremento da dotación de 11.000 € que percibe actualmente APSOU, unha contía que, segundo puxo o  colectivo de manifesto, “non abonda nin para sufragar os gastos da intérprete de signos coa que contan durante 30 horas á semana”.  

Durante o encontro dixital, APSOU deu traslado das dificultades que atravesan pola ausencia de intérpretes no Concello, tales como a imposibilidade de realizar cursos municipais, o acceso restrinxido ás actividades culturais ou os problemas para levar a cabo xestións de carácter administrativo. Ademais, alertaron dos obstáculos que deben sortear en canto ao acceso á atención sanitaria, posto que carecen de alternativas á comunicación telefónica. “Non poden comunicarse en caso de urxencia con fluidez, e non dispoñen de atención a través de vídeochamada, sms ou correo electrónico, algo moi grave nas actuais circunstancias sanitarias”, lamentan os socialistas.

Así mesmo, o colectivo puxo de manifesto a necesidade de priorizar a formación en lingua de signos dentro das escolas, así como da súa inclusión no currículo formativo. Neste sentido, as Xuventudes Socialistas comprometéronse a fomentar cursos de formación, ademais de manter unha “colaboración recíproca” para a inclusión das demandas das persoas xordas na axenda política da cidade.

“Compartimos a necesidade imperiosa de aumentar os recursos económicos por parte das administracións, favorecer ao máximo a accesibilidade administrativa, sanitaria, cultural ou formativa, e tamén a conveniencia de colaborar activamente na visibilización deste colectivo desde as formacións políticas”, concluíron os socialistas.