Deputación de Ourense e Sogama potencian a compostaxe doméstica na provincia

Videoconferencia Manuel Baltar con Javier Domínguez Lino (Presidente de SOGAMA) para a sinatura convenio entre a Deputación Ourense e SOGAMA.

O acordo asinado por Manuel Baltar e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, permitirá desenvolver labores de divulgación e formación desta actividade medioambiental 

Co obxectivo de dar continuidade ás sucesivas colaboracións entre a Deputación de Ourense e Sogama para implantar e afianzar a compostaxe doméstica nos municipios da provincia con poboación inferior a 20.000 habitantes (todos, agás Ourense capital), ambas entidades subscribiron esta mañá un novo convenio para reforzar a autoxestión da materia orgánica en orixe e lograr con elo importantes beneficios ambientais e sociais.   

AVANTAR ACTIVIDADES

De forma telemática e a través de videoconferencia, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, formalizaron un novo acordo que estará en vigor durante un ano e que virá a complementar o firmado a finais de 2019 e que non puido materializarse en todos os seus termos con motivo da irrupción do Covid-19, que motivou a declaración do estado de alarma e, en consecuencia, paralizou a contratación das actividades formativas. 

O presidente do goberno provincial destaca “a aposta que a Deputación vén desenvolvendo con iniciativas a prol da economía circular e a sostibilidade”, entre as que figuran as que presentou no pasado debate sobre o estado da provincia e na que destaca o proxecto de xestión ambiental integral, “que co-liderará a Deputación de Ourense, iniciativa que achegará innovación, crecemento económico e mellora do impacto ambiental”, explica Baltar, salientando que este proxecto ofrecerá solucións á xestión de residuos en liña, con tres ámbitos de actuación: planta de biometanización, planta solar fotovoltaica e planta de obtención de hidróxeno verde. Os datos económicos e socioeconómicos do proxecto, financiados desde o sector privado contemplan un investimento de 21 millóns, 20 empregos directos e 100 empregos indirectos. 

En consonancia con esta liña de fortalecemento da política medioambiental, o convenio para a compostaxe doméstica da Deputación de Ourense e Sogama destinan a dotación económica do anterior convenio á adquisición de composteiros (1.372 unidades), polo que o novo acordo abranguerá labores de publicidade, divulgación, edición de material didáctico, formación e seguimento da iniciativa. 

O programa de autocompostaxe ten como finalidade recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e elaboración de compost dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente. Son máis de 80 os concellos da provincia que xa instauraron esta práctica da man da Deputación e Sogama, repartíndose entre os mesmos, e de forma gratuíta, máis de 2.000 composteiros. A esta cifra engadiranse agora os 1.372 da nova remesa.  

A distribución dos recipientes complementarase con xornadas formativas e visitas porta a porta a fin de que os usuarios desenvolvan correctamente a técnica, teñan a oportunidade de aclarar as súas dúbidas e reciban o oportuno asesoramento.  

O fin último é que o compost obtido cumpra con tódolos requisitos de calidade esixidos pola normativa vixente e poida ser aplicado ao chan con garantías e sen restricións. Desta forma pecharase o ciclo da recuperación e a reciclaxe da materia orgánica en orixe, constituíndo todo un exemplo de economía circular. 

Unha das condicións impostas para participar neste programa é que os candidatos dispoñan de vivenda unifamiliar con terreo (horto, xardín ou terras de cultivo) no que empregar o abono obtido, evitando o depósito da materia orgánica nos contedores verdes convencionais (cabe recordar que esta fracción representa ao redor do 42 % da composición media dunha bolsa de lixo tipo).