O BNG pregunta á Xunta polos riscos do plan de Naturgy para o Salas e reclámalle unha avaliación sobre os impactos na saúde e no medio

Publicidade ASPADISI

A rendibilidade económica do proxecto non é parella co risco que implica para o medio ambiente e para a saúde das persoas”, advirte o deputado Iago Tabarés.

O deputado nacionalista Iago Tabarés rexistrou no Parlamento galego unha pregunta dirixida ao Goberno galego sobre a viabilidade ambiental, os riscos para a saúde das persoas e avaliación que fai a Xunta de Galiza sobre as advertencias rexistradas por colectivos ecoloxistas nas alegacións a o proxecto de Naturgy de instalar unha central hidráulica reversíbel entre os encoros de As Conchas, sito nos concellos de Lobeira, Muíños e Bande, e o de Salas, no de Muíños.

HIPER MASIDE

Tabarés indica que a rendibilidade económica do proxecto “non é parella, e tampouco proporcional, co risco que implica para o medio ambiente e para a saúde das persoas”. Lembra o deputado do BNG por Ourense que as augas do encoro de As Conchas presentan na actualidade un estado global, en cualificación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, “peor que bo”, mentres que o do Salas é cualificado como “bo” polo mesmo organismo; e sinala que o bombeo “implicará o risco de levar a contaminación das cianobacterias existentes nas Conchas ao Salas que actualmente é un espazo limpo e de grande valor medio ambiental, integrado nun Lugar de Interese Comunitario, Zona de Especial Protección para as Aves, Reserva da Biosfera ou mesmo dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés”.

Especulación enerxética. O 3 de setembro de 2018, o BNG pediu que o Parlamento galego instase á Xunta “a demandar a paralización inmediata do proxecto de central hidroeléctrica reversíbel promovido por Gas Natural –hoxe Naturgy– por supoñer un risco de contaminación”. Na Proposición non de lei presentada o Bloque Nacionalista Galego advertía que “de ir adiante esta modificación da concesión estariamos diante dun novo caso de especulación enerxética no noso país favorecendo un modelo que non favorece o aforro e a eficiencia nin é preciso para a produción do país”. Xa nas alegacións en 2012 á declaración de impacto ambiental -que finalmente, en maio de 2017, contou co pronunciamento favorábel da secretaría de Estado de Medio Ambiente- a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) xa deixou constancia de que “o mal estado do encoro das Conchas é un exemplo de eutrofización derivado da deficiente depuración das augas residuais na cabeceira do río Limia e da fortísima contaminación agro-gandeira difusa na Limia (…) A posta en marcha da central reversible exportaría o grave problema de eutrofización cara ás aínda limpas augas do Salas. O proxecto suporía un grave incumprimento da Directiva de Augas.”

A Xunta debe fiscalizar o proxecto. Agora, o BNG insiste diante da Xunta para que non deixe pasar sen máis un proxecto que ademais do risco de contaminación das augas, imporá unha nova infraestrutura de evacuación de torres de alta tensión nunha área que xa soporta un forte impacto deste tipo de instalacións.

Tabarés demandará do Goberno galego información sobre as actuacións ou xestións realiza ou realizou en relación este proxecto, preguntará se a Xunta conta con algún estudo propio a respecto dos riscos medio ambientais, sanitarios ou na calidade augas. Tamén pedirá unha valoración sobre a ocupación de dominio público ou de espazo natural que implica o plan de Naturgy e se este se axusta ás necesidades de aforro e eficiencia dos obxectivos europeos.