Gabriel Alén destaca que a Xunta realiza este sábado cribados a 12.000 cidadáns da área metropolitana de Ourense

O delegado territorial destacou o gran esforzo e dedicación dos profesionais sanitarios e tamén o importante apoio que están a prestar os dispositivos de emerxencias e seguridade no desenvolvemento dos cribados que se organizan estes días en diferentes localidades da provincia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, estivo esta mañá no recinto feiral de Expourense onde o Goberno galego convocou a unha mostra representativa da poboación, 12.000 dos seus veciños e veciñas de entre de 18 a 64 anos da área metropolitana de Ourense, para participar nun cribado selectivo aleatorio, para tratar de detectar posibles casos positivos de coronavirus entre persoas asintomáticas.

A citación realizouse a través dunha mensaxe de SMS, sistema que permite unha convocatoria masiva nun tempo mínimo, á veciñanza dos concellos de Ourense, Barbadás, Pereiro de Aguiar, Toén e San Cibrao das Viñas, que son os que concentran o 40% dos casos activos da provincia

PUBLICIDADE ELECTORAL

O delegado destacou o gran esforzo e dedicación dos profesionais sanitarios e tamén o importante apoio que están a prestar os dispositivos de emerxencias e seguridade no desenvolvemento dos cribados que se organizan estes días en diferentes localidades da provincia.

Gabriel Alén tamén quixo agradecer a participación da cidadanía nestes peneirados masivos que se están a suceder na nosa provincia, xa que os resultados serán de axuda no control da epidemia, detectando casos asintomáticos, e evitando así que contaxien ás persoas do seu entorno próximo. Ademais, os resultados aportaran información de gran utilidade sobre a tipoloxía dos gromos e as súas vías de transmisión.