Diante da moción de censura hoxe presentada, a asemblea local de Ribadavia decidirá o voto do Bng

O BNG é unha organización democrática e asemblearia e será a asemblea local de Ribadavia a que decidirá o sentido do voto que exercerá a portavoz municipal do BNG, Maite Rodríguez.

Trátase dunha moción de censura legal e lexítima, que previsiblemente levará a un cambio no goberno local de Ribadavia xa que foi presentada pola maioría do pleno municipal (7 concelleir@s de 13).

AVANTAR ACTIVIDADES

Nas eleccións municipais de 26 de maio de 2019, cunha alta participación (79´19%), o PP obtivo o 36´8% dos votos e a suma das candidaturas que hoxe promoven a moción de censura (PSOE e ReC), un 54%.

Xa que logo, había vimbios suficientes para construír un goberno estable, con maioría e catro anos por diante para executar un proxecto plural, e así por parte do BNG ofrecemos daquela publicamente o noso apoio sen contrapartidas á investidura desa maioría alternativa que non se acabou producindo.

Os acordos para un goberno alternativo ao PP en Ribadavia tiñan que ser alcanzados previamente á data legalmente sinalada para a investidura da alcaldía, o 15 de xuño de 2019, evitando os vinte meses de goberno do PP que lamentamos que se produciran.

Un cambio de goberno a metade de mandato limita enormemente o seu campo de actuación, e non se atopa dentro da nosa visión do que debe ser a acción política, velaí a non participación do BNG na presentación desta moción de censura.