O PSdeG-PSOE e Ribeiro en Común presentaron onte por rexistro unha moción de censura contra o alcalde, César Manuel Fernández Gil. O próximo 23 de febreiro celebrarase o pleno extraordinario no que se aprobará este novo goberno. A proposta de ambos é que a concelleira socialista, Noelia Rodríguez asuma a alcaldía, sendo a tenente de alcalde, Paula Rodríguez, de RenC. Deste xeito ambas formacións apostan por un goberno de “cambio, progreso e feminista” e remarcan que se tratará do “primeiro goberno municipal da historia de Ribadavia que estea encabezado por mulleres”. A futura alcaldesa anunciou hoxe algúns dos proxectos iniciais, coma a creación dunha comisión de seguemento da pandemia no municipio, o reforzo dos servizos sociais e a axuda no fogar. Tamén preparan un proxecto de orzamentos adaptados á situación actual y asegurou que acudirá ás distintas administracións para conseguir financiación para Ribadavia.
Esta mañá, a sede do PSOE de Ourense acolleu a primeira rolda de prensa deste novo proxecto, na que Noelia Rodríguez estivo acompañada polo secretario xeral, Rafael Villarino, que anunciou o que suporá que Ribadavia teña a súa primeira alcaldesa. Villarino amosou a súa satisfacción porque volvan de novo as forzas progresistas a gobernar en Ribadavia. Falou do proceso longo que supuxo este acordo, que asegurou que “tardou en xestarse” e amosou todo o seu apoio á primeira alcaldesa de Ribadavia.
Neste encontro ante a prensa tamén estivo o ata agora portavoz do PSOE en Ribadavia, Nacho Gómez, que amosou o seu total apoio á futura alcaldesa. Gómez tamén se referiu ás motivación de levar a cabo este acordo, asegurando que, entre outros motivos, está o dos orzamentos que o PP aínda non levou ó pleno. Nacho Gómez destacou que nestes últimos dous anos, o PSOE falicitou os presupostos do PP e amosou a súa total colaboración co equipo de goberno. Asegurou que ninguén o obriga a tomar esa decisión de poñerse a un lado e deixar paso “á alcaldesa que merece Ribadavia”.