A vacante do médico de Leiro reclamada polos grupos da oposición está cuberta dende este luns

O alcalde de Leiro confirmou esta mañá que dende este luns, día 8 de febreiro, a vacante do médico que está actualmente de baixa no centro de saúde xa está cuberta. Logo de ver a necesidade de persoal, sobre todo nesta época sanitaria, o concello puxo en man do SERGAS a situación, para que fose cuberta. Polo de agora, aínda non se sabe a duración que terá este novo profesional no concello.

Foron moitas as peticións por parte de grupos políticos, tanto locais coma a nivel autonómico que pedían esta necesidade. Dende o BNG de Leiro congratuláronse hoxe de que a Xunta de Galiza cambiase de parecer e que, despois da presión exercida polo BNG tanto no Parlamento como no Concello, rectificase e cubrise a vaga do facultativo que se encontra de baixa médica.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con todo, queren criticar a posición inmobilista do actual rexedor de Leiro, quen aseguran que afirmaba  e defendía que non había necesidade de cubrir dita vaga.

Por último, desde o BNG queren deixar claro que, estarán vixiantes para que esta substitución se prolongue durante todo o tempo en que o facultativo titular se encontre de baixa e que este servizo non volte ser retirado.