A Xunta cede maquinaria á Deputación Provincial de Ourense para a súa distribución entre os concellos coa fin de contribuír a manter as estradas en boas condicións

Entregáronse 5 camións, un deles con saleiro, 2 cuñas quitaneves, 2 esparexedores de sal e un equipo quitaneves para instalar nun todoterreo

A Xunta ten despregado desde o 1 de novembro o Plan de vialidade invernal, con 102 profesionais, 1.935 toneladas de fundentes, 6 centros operativos e 50 máquinas para atender os máis de 1.000 km de vías autonómicas na provincia

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial salienta a importancia da colaboración entre a administración autonómica e provincial de cara a optimizar os recursos públicos, gañar eficacia e ofrecer a mellor resposta aos cidadáns

A Xunta cede material e maquinaria á Deputación Provincial de Ourense, para a súa distribución entre os concellos, coa fin de contribuír ao mantemento das estradas en boas condicións.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na entrega á Deputación Provincial de maquinaria que a Axencia Galega de Infraestruturas non estaba empregando actualmente, que será distribuída entre os municipios coa fin de que poidan dispoñer de máis e mellores ferramentas para o bo mantemento das estradas e poder facer fronte ás necesidades que poidan xurdir de cara a garantir a seguridade viaria fronte ás inclemencias meteorolóxicas.

Deste xeito, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, cedeu á Deputación Provincial de Ourense 5 camións, un deles con saleiro, 2 cuñas quitaneves, 2 esparexedores de sal e un equipo quitaneves para instalar nun todoterreo.

Cómpre lembrar que a Xunta ten despregado, desde o pasado 1 de novembro e ata o 30 de abril, o Plan de vialidade invernal na provincia de Ourense, cun dispositivo de 102 profesionais, 1.935 toneladas de fundentes e 6 centros operativos para garantir a seguridade viaria e o bo mantemento das estradas autonómicas na provincia. O dispositivo complétase con 50 máquinas, entre as que se contabilizan camións ou esparexedores de sal, para atender os máis de 1.000 km de estradas da Xunta na provincia.

O delegado territorial da Xunta, que estivo acompañado de Pablo Pérez, deputado provincial de Cooperación, salientou a importancia da colaboración entre administracións, neste caso autonómica e provincial, para optimizar os recursos públicos, gañar eficacia e ofrecer a mellor resposta aos cidadáns.