O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión coa Federación Galega de Comercio e as catro federacións provinciais para avaliar e consensuar o plan de medidas de apoio ao sector.
Esta semana abriuse o prazo para solicitar as axudas á segunda convocatoria deste Plan de rescate que, entre outras novidades, eleva a contía máxima das axudas a case 16.000 euros para as actividades máis afectadas polos peches e restricións. Deste xeito, un negocio ou establecemento que se beneficie das súas convocatorias podería recibir en catro meses desde 3.400 euros ata un máximo de 24.200 euros.
Para acceder ás axudas, empresarios autónomos e microempresas deberán acreditar baixadas de facturación en 2020 de polo menos o 45% fronte aos datos de 2019. No caso da hostalaría e establecementos doutros sectores, bastará con que estivesen afectados polos peches e restricións que por mor da covid-19 se ordenaron no mes de xaneiro.