O Psdeg-Psoe alerta dun novo ataque de Jácome á cultura, tras deixar a Ourense sen programación de entroido malia anunciar que habería pasarrúas e actuacións infantís

Os socialistas acusan ao alcalde de “desprezo ás tradicións culturais” e de ser “incapaz” de organizar un entroido alternativo e seguro para a veciñanza, como si fixeron outros Concellos máis pequenos

Lamentan que o “microgoberno” tampouco difunda nin colabore nas actividades dos entroidos tradicionais da cidade de Ourense, tales como A Pita das Eiroás e a Paquita e Nicanor de Seixalbo

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE alerta dun novo ataque de Gonzalo Pérez Jácome á cultura, despois de que o alcalde deixara a cidade sen ningún tipo de programación de entroido, malia anunciar na Xunta de Área de Cultura que habería pasarrúas e actuacións infantís no auditorio durante a fin de semana.

Así, os socialistas estiman que a cancelación do programa do entroido por parte do alcalde amosa o “desprezo” do alcalde polas tradicións culturais da cidade e deixa en evidencia a súa “incapacidade” para organizar unha celebración alternativa e segura para a veciñanza, como fixeron outros Concellos “máis pequenos e con menos recursos”. Neste sentido, advirten que “a Covid non pode seguir sendo a coartada do microgoberno para xustificar a parálise na que está sumida a cidade”.

Así mesmo, sinalan que o Concello non difunde nin colabora na organización e difusión das actividades dos entroidos tradicionais da cidade, tales como a Pita de Eiroás e a Paquita e Nicanor de Seixalbo. Ambas festas contemplan este ano programas especiais de celebracións seguras, que convidan á veciñanza a manter viva a tradición sen pór en risco a saúde das persoas. “A cidade de Ourense, pola contra, carece de ningún tipo de actividade, unha situación á que o alcalde xa nos ten acostumados”, lamentan.

O grupo municipal socialista convida a Jácome a dar explicacións das razóns polas que anunciou un programa de actividades que non cumpriu, malia contar con orzamento “máis que suficiente” para levalas a cabo, e esíxenlle ao microgoberno que cese inmediatamente a súa política de “maltrato cultural” con Ourense.