A Policía autonómica tramitou 116 denuncias nos controis de medidas ante a covid-19 en Galicia

Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo a pasada fin de semana un total de 105 dispositivos en 32 concellos galegos nos que foron tramitadas 116 denuncias. Os controis realizáronse no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19, e saldáronse con 603 persoas identificadas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre o 12 e o 14 de febreiro, os axentes realizaron na provincia da Coruña 18 dispositivos nos concellos de Ames, Boiro, A Coruña, Dumbría, Mazaricos, Porto do Son e Santiago de Compostela, cun total de 25 denuncias e 31 identificacións.

Na provincia de Lugo tramitáronse 41 denuncias e identificáronse 102 persoas en 13 dispositivos levados a cabo nos concellos de Guitiriz, Lugo, Sober, Taboada e Vilalba.

En canto aos controis levados a cabo pola Policía Autonómica na provincia de Ourense, realizáronse 37 dispositivos que deron como resultado un total de 216 identificacións e 43 denuncias en O Carballiño, Laza, Maceda, Maside, Ourense, Verín e Xinzo de Limia.

E na provincia de Pontevedra, nos 37 dispositivos realizados en Cangas, Cerdedo, Cotobade, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Sanxenxo e Tui rexistráronse 7 denuncias e identificouse a 254 persoas. 

Durante os operativos, os axentes  controlaron que nos establecementos abertos ao público se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, o aforo e horario de peche dos locais e a prevención do botellón.

Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.