O BNG apoia a demanda para que o Concello de Celanova elimine a cruz falanxista como esixe a lei

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

• As nacionalistas lembran que a retirada do símbolo está no programa electoral do BNG para as municipais de maio de 2019 e fai parte dos acordos que asinaron con Celanova Decide para a investidura do actual alcalde.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO


O BNG Comarca Terra de Celanova-Baixa Limia e o BNG de Celanova apoian a demanda do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e acompañarán a reclamación para que o Concello de Celanova retire o monumento falanxista levantado hai 81 anos no lugar de Outeiro da Obra.

O responsábel comarcal do BNG, Manuel Ferro, e o portavoz nacionalista en Celanova, Leopoldo Rodríguez, asinaron onte o manifesto do Comité, reiterando o apoio o colectivo memorialista que xa manifestaran os parlamentarios Mercedes Queixas Zas e Xosé Luís Rivas, Mini, a petición do propio Comité.

O BNG de Celanova subliña o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica e lembra que a eliminación do símbolo, afectado pola Lei estatal de Memoria de 2007, figurou no programa electoral nacionalista para as municipais de maio de 2019, e foi incluído nos acordos de xuño desde mesmo ano con Celanova Decide para a investidura do actual alcalde.

O BNG de Celanova reitera ademais a súa disposición a impulsar as demandas do Comité no referente a elaboración dun catálogo municipal de símbolos franquistas e a promover a retirada e honras ou outras distincións afectadas pola lei. E comprométese a reclamar a sinalización dos lugares de memoria e que se documenten as foxas aínda por identificar, así como a apoiar desde a actual corporación “unha declaración de honorabilidade da última corporación republicana e dos funcionarios que foron represaliados” tal e como aconsella o Comité no seu manifesto.