O BNG denuncia o excesivo celo policial durante a concentración de onte pola tarde na cidade de Ourense en apoio ao rapeiro Pablo Hasél

Os nacionalistas denuncian o excesivo dispositivo policial en torno ao Parque de San Lázaro durante a concentración así como a identificación masiva dos participantes sen causa xustificada

 O BNG de Ourense quere denunciar o depregamento realizado no día de onte por parte da Policía Nacional de Ourense como consecuencia da concentración en apoio ao rapeiro Pablo Hasél, quen ingresou recentemente en prisión por orde da Audiencia Nacional.

AVANTAR ACTIVIDADES

 Dito despregamento rodeou por completo o Parque de San Lázaro, dun xeito desproporcionado e de maneira ameazadora e case que provocadora. Igualmente, os nacionalistas denuncian que efectivos de dito corpo, procederon a identificar a unha treintena de persoas asistentes á mesma sen xustificación algunha.

 Desde o BNG lembran que a presenza pacífica nun acto de protesta non é causa suficiente para a identificación dun cidadá por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, xa que para poder levalas a cabo, deben ter a sospeita da comisión de algún delito. A concentración tivo lugar nun espazo aberto e alonxado de edificios ou institucións que precisasen dunha “especial” protección, motivo polo cal a escesiva presenza policial resulta aínda máis incomprensíbel e innecesaria.

 Como consecuencia do sucedido, o deputado nacionalista no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, ven de rexistrar unha serie de preguntas dirixidas ao Goberno do Estado referidas a dito despregamento. Os nacionalistas queren saber cales son os motivos que levaron a realizar o despregamento que puidemos ver onte nas concentracións celebradas en Galiza e concretamente os excesos de Ourense e A Coruña.

 Tamén cales son as razóns que existían para levar a cabo as masivas identificacións na concentración de Ourense, se foi a Delegación do Goberno en Galiza quen ditou dita orde ou se pola contra foron as distintas Subdelegacións e, en todo caso, con que obxectivo se realizaron.