Podemos pide melloras para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar

A formación asegura que o persoal do SAF, un sector maioritariamente feminizado, compóñeno persoas con especialización que proporcionan unha serie de atencións no seu domicilio a persoas con dificultades para o seu desenvolvemento habitual (fundamentalmente persoas maiores pero tamén persoas con diversos graos de dependencia) e de apoio nas actividades básicas da vida diaria, permitindo deste xeito a autonomía das persoas e facilitando a permanencia nos seus fogares. Aseguran que é un servizo fundamental para a dignidade das persoas en situación de vulnerabilidade no que, como coa maioría de tarefas relacionadas cos coidados, as condicións de traballo están precarizadas e non se corresponden co valor real que este servizo supón para a sociedade.

A formación insta ao Concello de O Carballiño a realizar unha campaña de información e sensibilización entre as supervisoras, auxiliares, usuarias e familias sobre a necesidade de aplicar as medidas de prevención e desinfección cando as traballadoras do SAF están no domicilio. Piden que se revise o cumprimento por parte da empresa concesionaria e que se aseguren de que a empresa dispón dos protocolos de actuación específicos para a pandemia garantindo o seu cumprimento. Solicitan ás empresas concesionarias do SAF que no protocolo se inclúa a creación de grupos burbulla entre as traballadoras e as familias que ten que atender cada unha delas para mellorar as condicións de seguridade fronte á pandemia tanto das traballadoras como das persoas usuarias e as súas familias. E engaden que se incorporen nos pregos do servizo criterios sociais como condicións esenciais de execución que outorguen unha maior puntuación ás empresas/entidades que se comprometan coas condicións laborais das traballadora.

AVANTAR ACTIVIDADES

A formación tamén se dirixe á Xunta de Galicia, intando ás partes á negociación dun novo convenio colectivo para a actualización das condicións na que se presta o Servizo de Axuda a Domicilio en Galicia; que se inclúa ás traballadoras do SAF de xeito prioritario no plan de vacinación da Sars-Cov2 e realizar un test PCR mínimo mensualmente

En canto ó Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, pide que se recoñezan as enfermidades profesionais específicas da labor do Servizo de Axuda no Fogar e que se inclúa ás traballadoras do SAF, como xa se fixo co persoal sanitario, para que lle sexan consideradas enfermidades profesionais os contaxios por COVID