O segundo dos encontros foi con María Reyes Pérez Fernández, autora dun pioneiro artigo científico sobre os beneficios da auga mineromediciñal das Burgas en pacientes con fibromialxia
Os socialistas, que levaron unha moción ao pleno de xaneiro para actualizar o plan termal, apostan por relanzar o termalismo como proxecto prioritario para os fondos Next Generation da Unión Europea
O PSdeG-PSOE continúa a súa rolda de contactos co obxectivo de “traer ao presente” o Plan Estratéxico Termal de Ourense, en liña cos compromisos adquiridos no seu programa electoral e ante a “absoluta pasividade” do microgoberno nesta materia.
Así, despois do encontro mantido en xaneiro con Pedro Araújo Nespereira, experto en hidroxeoloxía das augas termais e Profesor Titular de Xeoloxía na facultade de Ciencias do Campus ourensán, os socialistas veñen de reunirse coa Profesora Reyes Pérez Fernández, experta en termalismo no ámbito da saúde e autora dun pioneiro artigo científico que demostra os beneficios das augas mineromediciñais das Burgas en pacientes con fibromialxia.
Nesta segunda cita, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, xunto cos concelleiros da área de termalismo, Javier Rey e Rosa Martínez, conversaron con Reyes Pérez sobre os efectos terapéuticos das augas termais, así como das oportunidades futuras que brinda o seu aproveitamento.
Neste sentido, Pérez subliñou a necesidade de dotar de fondos a investigación científica no ámbito terapéutico do termalismo. “Temos que seguir facendo estudos e indagacións científicas”, puxo de manifesto, ao tempo que defendeu a eficacia da terapia con augas termais en pacientes con patoloxías como a fibromialxia, o síndrome metabólico, as afeccións da pel e todas as enfermidades do espectro reumático, tales como a artrose.
Pola súa banda, os socialistas defenderon que a posta en valor da aplicación terapéutica das augas termais debe ser un “eixo fundamental do plan termal”. Ademais, destacaron a importancia de apostar polo termalismo como proxecto prioritario para os fondos Next Generation da Unión Europea.
Cómpre lembrar que o grupo municipal socialista presentou unha moción de consenso no último pleno do mes de xaneiro para instar ao Concello a recuperar e actualizar o plan termal da cidade, e que foi aprobada co voto en contra do grupo de DO. No texto da iniciativa, os socialistas avogan por dotar a cidade dunha “guía estable” que permita “ordenar, priorizar, temporizar e cuantificar accións, estudar o financiamento das mesmas e facer un seguimento para comprobar o seu cumprimento”.
Neste sentido, desde o grupo municipal socialista lamentan o “desinterese” de Jácome en materia de termalismo, máis alá de “ocorrencias e improvisacións” como o Parque Acuático Termal, ao tempo que esixen o “claro respaldo da Xunta de Galicia”, competente en materia de augas, co fin de evitar que “a maior riqueza da cidade caia no absoluto abandono e desaparición”.
Desde o grupo socialista adiantan que continuarán reuníndose con diferentes axentes sociais para “unir forzas a favor da posta en valor da nosa riqueza termal e xeotérmica”.