O delegado da Xunta repasa co alcalde de Ribadavia os últimos proxectos colaborativos

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, continúa coa súa rolda de encontros institucionais trala toma de posesión como novo representante da administración autonómica na área territorial.

Esta mañá mantivo unha reunión co alcalde de Ribadavia, César Fernández, na que fixeron repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén trasladoulle a implicación do Goberno galego coa vila de Ribadavia, e lembroulle o recente investimento da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de 1,1 M€ na rehabilitación integral do IES O Ribeiro, e de 60.000 euros na mellora da Casa da Cultura.

O delegado territorial tamén aludiu as achegas en materia de infraestruturas locais da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo para a substitución da carpintería exterior do Casa do Concello, con 28.000 euros, a habilitación do punto limpo no lugar da Foz con case 32.000 euros, a execución da Brigada de protección e defensa do ambiente e espazos naturais, ou o convenio de eficiencia enerxética na Casa do Concello por un importe de máis de 40.000 euros. Tamén a Axencia Turismo de Galicia destinou case 80.000 euros para o proxecto de embelecemento do núcleo rural de Sanín.

Nesta liña, o representante do Goberno galego referiuse as axudas da Consellería do Medio Rural na mellora dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, dentro do Plan Marco, cunha contribución de 26.351 euros, e a pavimentación dos camiños municipais contempladas no Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), cun total de 45.000 euros.

Así mesmo, Gabriel Alén,  trasladoulle o compromiso do Goberno galego cos grandes proxectos de futuro de Ribadavia como é o caso da reforma do Centro de Saúde ao que a Consellería de Sanidade vai destinar 351.500 euros, segundo anunciou o conselleiro Julio García Comesaña este venres na súa visita ao centro sanitario; a aprobación do Plan hURBE co que se acometerá o embelecemento do núcleo rural de Ventosela e a aprobación do novo PIR para continuar coa pavimentación e adecentamento dos camiños municipais.

Por último, o delegado territorial tamén subliñou a forte política inversora da Xunta en Ribadavia nos últimos anos, sendo a primeira administración inversora na vila, o que demostra o compromiso do Executivo galego coa capital do Ribeiro.