Deputación de Ourense e Adegal: alianza a prol dos agricultores e gandeiros da Limia

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse por videoconferencia coa presidenta da Asociación de empresarios, gandeiros e agricultores da Limia (Adegal), María Teresa Joga, xuntanza na que ámbalas dúas entidades acordaron levar adiante unha alianza de colaboración que se traducirá en diferentes iniciativas de apoio ao sector que representa esta asociación na Limia.  

“Con Adegal, a Deputación xa mantivo liñas de cooperación nos últimos anos –afirmou Manuel Baltar-, e agora acordamos aprobar unha axuda para este ano de ao redor dos 40.000 euros, para contribuír aos gastos de funcionamento da entidade, pero sobre todo para fortalecer temas relativos á divulgación entre agricultores, gandeiros e propietarios de explotacións agrarias, das vantaxes do comercio electrónico e da creación de páxinas web para dar saída aos produtos agroalimentarios, singularmente, a pataca da Limia”, expresou o presidente da Deputación. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Baltar defende que Adegal “pode ser un instrumento importante, xunto co Centro de investigacións agroalimentarias que a Deputación ten en Xinzo de Limia, nun medio rural que ten demostrado ser un sector estratéxico nesta pandemia, e nunha provincia, Ourense, que é a gran despensa de Galicia”.