
O presidente Baltar asinou hoxe o decreto, segundo o cal o deputado provincial por Ribadavia asume a Vicepresidencia Segunda da Deputación e as competencias en Dinamización do medio rural e os asuntos da institución provincial na comarca do Ribeiro, así como a dependencia da xestión do centro cultural “Marcos Valcárcel” e do Teatro Principal
Baltar valorou “moi positivamente” “o reforzamento político que supón para a Deputación que César Fernández asuma responsabilidades de coordinación dos temas relacionados cunha comarca fundamental no desenvolvemento económico da provincia de Ourense como é a do Ribeiro”
César Fernández agradeceu a confianza outorgada por parte do presidente Baltar e dixo que nestes momentos “son necesarias institucións fortes que respondan aos desafíos e garantan servizos públicos de calidade, baseando a súa actuación na planificación, a previsibilidade e a seguridade xurídica”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe o decreto polo cal nomea ao deputado provincial por Ribadavia César Fernández vicepresidente segundo da Deputación de Ourense no mandato 2019-2023. En virtude deste nomeamento, Fernández exercerá a Vicepresidencia Segunda da Deputación, continuará formando parte da Xunta de Goberno e asumirá as competencias en Dinamización do medio rural e os asuntos de cooperación da institución provincial cos concellos da comarca do Ribeiro, así como a dependencia da xestión do centro cultural “Marcos Valcárcel”, do Teatro Principal e tamén aquelas funcións de representación do goberno provincial de Ourense e outras que o presidente da Deputación lle encomende.
A principal novidade da xestión que levará a cabo César Fernández é, segundo recolle o ditame do secretario xeral da Deputación, “a delegación da xestión política e representación da Deputación Provincial, comprensiva das funcións de estudo e proposta de accións, no ámbito xeográfico dos concellos da comarca de O Ribeiro”.
Trala sinatura do decreto, o presidente Baltar valorou “moi positivamente” “o reforzamento político que supón para a Deputación que César Fernández asuma responsabilidades de coordinación dos temas relacionados cunha comarca fundamental no desenvolvemento económico da provincia de Ourense como é a do Ribeiro”. O presidente do goberno provincial salientou que en tempos como os actuais “cómpre a máxima eficacia, practicidade e excelencia na xestión das administracións públicas a todos niveis, e no que atinxe ao goberno provincial de Ourense, este nomeamento contribúe a seguir mellorando os servizos que presta a Deputación a concellos e veciñanza”, destacou Manuel Baltar.
“César Fernández foi, nestes meses de mandato, un dos mellores alcaldes da provincia de Ourense e, sen dúbida, o mellor de Ribadavia das últimas décadas. O goberno provincial non pode renunciar ao gran labor que aporta unha persoa das súas características, formada, educada, xestora, quen tamén traballou na Deputación ocupándose da área cultural, e que achega capacidade de traballo e de xestión, empatía política e visión. Por todo iso non dubidei que desde hoxe fose vicepresidente da Deputación, e coido que para Ribadavia é unha magnífica noticia, pois ademais de ocuparse dos culturais, farao dos que teñen que ver cos concellos da comarca do Ribeiro”, afirma Baltar, quen considera que “un dos mellores concelleiros da provincia vaino demostrar agora desde un posto de tanta responsabilidade como é a Vicepresidencia da Deputación”.
Pola súa banda César Fernández agradeceu a confianza outorgada por parte do presidente Baltar e dixo que nestes momentos, máis ca nunca, son necesarias institucións fortes que respondan con solvencia aos desafíos e garantan servizos públicos de calidade, baseando a súa actuación na planificación, a previsibilidade e a seguridade xurídica”.
Manuel Baltar e César Fernández coinciden na importancia de seguir desenvolvendo a folla de ruta do goberno provincial, o Plan “Ourense 72-73”, e reafirman a aposta por sectores clave para o futuro de Ourense como o termalismo e o agroalimentario, gobernando a institución cooperadora por excelencia cos concellos e garantindo o cumprimento da súa carta de servizos. Asemade, entende a Cultura con maiúsculas e ratifican o compromiso por seguir apoiando este sector nun momento tan complicado, “onde seguiremos poñendo en valor a creatividade ourensá e a traxectoria histórica da provincia de Ourense, como continuaremos facendo coa Xeración Nós, berce incuestionable do pensamento galeguista”, afirma Baltar.
Ademais, destacan que as políticas de reto demográfico, a conciliación, o ensino –a alianza coa UNED e co Campus de Ourense-, o traballo en rede da Deputación en entidades nacionais e internacionais, “seguirán a constituír prioridades para este goberno provincial e acadarán novos camiños para facer da nosa provincia un gran referente”, expresa o presidente da Deputación.