O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Presentación da viaxe, no número 227 do 25 de xullo de 1926 da revista “A NOSA TERRA”. A seguir  pasamos a presentar e reinventar a 2ª etapa, na parte que corresponde ao traxecto entre O Carballiño e O Irixo

Amable lector/-a, como  vostede saberá, tomo en parte emprestado o titular desta crónica da ilustrísima xeración “NÓS”, que tivo o seu berce na cidade de Ourense, e da que formou parte destacada o infatigable camiñante-arrieiro  D. Ramón Otero Pedrayo que, na súa sa cobiza, nos quixo deixar un bo número de tratados sobre a TERRA, tanto a nivel ensaístico (Guía de Galicia, 1926; Pelerinaxe, 1926; “Síntese xeográfica de Galicia); como creativo: “Os camiños da vida” (1928) ou “Contos do camiño e da rúa” (1932).

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademais de participar nalgunha andaina da que el formou parte activa xunta con outros membros do Grupo Nós, e que outras persoas se encargaron de transmitirnos. Estamos  a lembrar a que en 1926 levaron a cabo á cidade de Santiago desde Ourense, coincidindo coa celebración do Ano Santo, e cuxo relator  foi o “irmandiño”, Xavier Pardo Bedia (Santiago,1903; A Coruña, 1969), publicada entre o 25 de xullo de 1926 e o 1º de abril de 1927, na revista A Nosa Terra distribuída nunha presentación e sete capítulos.

Os recursos cos que contaban non eran en nada semellantes aos que podemos dispor hoxendía, pero para eles había un soporte esencial que tiña un valor tanto ou máis  afectivo que material: “A carta xeométrica de Galicia,1845”, o popularmente coñecido como “Mapa Fontán” , que tamén vai ter un simbolismo especial na novela “Arredor de si” (1930)  de Otero Pedrayo, como exemplo poóetico  da evolución experimentada ideoloxicamente polos membros da Xeración

O grupo inicial que parte da cidade das Burgas compóñeno: Ramón O. Pedrayo, V. Risco, Lois Feixoo, Antón Sánchez e o propio cronista .En Silleda, facendo uso do Castromil, sumaráselles Alfonso Vázquez Monxardín e Forentino Cuevillas.

Sobre os antecedentes dos que teñamos novas,máis  ou menos documentadas, dos camiños que cruzaban as terras do Irixo, hai tres referencias que teñen certa tradición escrita e popular: Os camiños a Santiago, o Camiño Real e Os camiños dos Arrieiros.

 Xa dixemos noutro lugar que se ten argumentado sobre a  existencia dunha vía romana que conectaría a Iria Flavia padronesa, pasando por Cusanca, Ourense e Verín ata Chaves (Portugal), así como que o coñecido como Camiño Real, segundo E. Ferreira Priegue[1] :”de Canedo sale un camino que va por Maside al puerto de Cusanca y Lalín” []  “Desde allí (cruce de Carballino) el Camino Real va por Batallás, pasa un Ponte Pedriña(Corneda), y sigue por San Pedro de Dadín, Condomiña, Porto da Veiga, Campinas y sube por el “porto de Cusanca” a entrar en la tierra de Deza por el Foxo do Cabrito”.

A todo isto,se temos en conta a información recollida do “Diccionario Madoz” (1850),en case todas as parroquias do concello hai indicios dos camiños a Santiago; así, por exemplo, na Cidá:”los caminos son transversales, escepto el que dirije a Santiago”; na Espiñeira:”cruza por la parte superior de la parroquia, un camino que desde Carballino conduce a Santiago”; en Parada: “atraviesa por esta parroquia el camino de Orense al Carballino y a Santiago”; e en Cusanca:”los caminos se hallan en mal estado y son transversales, a escepción del que conduce desde el Carballino a Deza, y otro que va al Castro de Dozón, que se encuentran bastante regulares”;  na do Campo ao nomear o monte da “Romina, célebre este último por un antiguo roble que existe junto a las ruinas de una venta, por cuya inmediación pasa el camino que desde el Carballino por Irijo conduce a la c. De Santiago”.(Pode consultarse a información completa de cada parroquia en ”O Irixo. Patrimonio cultural[2], segundo o Madoz). Este dicionario, obxecto de consulta en traballos posteriores  dará lugar a erros como o de denominar o río Viñao, como “Euro”,tal e como veremos na información recollida de Vicente Risco, que este corrixe por “Orros”.

Aínda a risco de trabucarme e de admitir que as simplificacións poden conducir a erro, a xeito de síntese, entendo que os tres roteiros principais con leves variantes (O de Santiago, O dos Arrieiros, e O Camiño Real)  entrecrúzanse en moitos puntos  e propoñemos tres alternativas, cada cal cun interese diferente, pero que todas elas poden ter como meta Compostela: 1: O Camiño Nós (en homenaxe á xeración do mesmo nome); 2: O Camiño de Cusanca (histórico); 3: O Camiño de (Santiago) Corneda ou Camiño Verde (A Pena Sela-Ponte de Dezau- A Cidá )

PASADO E PRESENTE DO “CAMIÑO NÓS” ENTRE O CARBALLIÑO E O IRIXO

O ano pasado 2020, ten sido copioso en canto a homenaxes e loanzas á que foi canle senlleira do labor de investigación das Irmandades da Fala (1916), do Seminario de Estudos Galegos (1923) e do Grupo Nós: a revista “NÓS” (1920) da que vén de cumprirse o centenario da súa publicación no mes de outubro.Pois ben, nesta ocasión coas liñas que seguen, e como xa se deu cumprida homenaxe noutros soportes, como por exemplo coa publicación”O Camiño de Nós[3] o que buscamos  é unha translación aos nosos días desa ruta realizada en 1926 e a posta en valor da mesma, con todas as novidades que poidan ser susceptibles de interese cultural (arquitectónico, arqueolóxico,natural, gastronómico,etc.).Como xa se dixo máis enriba, foi un grupo de intelectuais ourensáns os promotores desta andaina, movidos pola curiosidade e o amor á TERRA. Co mapa de Fontán, como guía material e espiritual, inician o percorrido na cidade de Ourense o día 8  de xullo de 1926. Quen se vai encargar do relato posterior ao longo de oitos entregas foi o intelectual santiagués Xavier Pardo Bedia, vencellado ás Irmandades da Fala e á revista “A Nosa Terra”

(Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d´América e Portugal) . Baixo o título de “No Camiño de San-Yago.Vieiros de fe, vieiros de ideal” o cronista conta como trancorren as catro xornadas que lles cumpriran para completar a ruta desde a cidade das Burgas a Compostela.

Non nos pararemos a analizar a presentación,que se reproduce literal ao inicio desta reportaxe, nin a que relata a experiencia da primeira xornada, e das dúas últimas, centradas na pasaxe de Ourense ao Carballiño e de Silleda a Santiago, respectivamente. Nesta ocasión é a segunda etapa entre O Carballiño e Silleda (9 de xullo de 1926) adicada case exclusivamente ao percorrido polo Irixo, a que nos trae a estas liñas.

Xavier Pardo advirte nunhas “verbas limiares”  que “a meirande parte das notas e ouservacións de istas crónicas que hoxe escomenza (1º de setembro de 1926) a pubricarse son sacadas do minucioso “Diario do viaxe de Risco”  e “vaia por fin, dende eiquí, a miña garimosa lembranza para Otero Pedrayo, Cuevillas, Feixóo, Risco, Sánchez e Monxardín que conmigo compartiron as inquedanzas e emociós da ruta de estrelas que percorrimos”.

Tal e como nos informa o cronista, foi de mañá cedo, cando despois de pertrecharse coa equipaxe básica de reporteiros (o famoso mapa, a cámara fotográfica, o altímetro e moito chicolate) e despois de estar na casa do Risco alá pola rúa da Paz, se encamiñan cara ao barrio da Ponte e ao lonxe o Carballiño, a onde chegan contra a noitiña, e van aloxarse no Hostal Carlos, preto do cruce da estrada de Ribadavia,non sen antes levantar sospeitas por parte da Garda Civil para o que ten que intervir Otero “que é un home de moito corpo para por enfrente de calquera”.

Na segunda xeira, o cronista omitiu calquera consideración sobre a vila do Carballiño, a non ser para indicar que cruzan o campo da Feira e acadan a Ponte Veiga na estrada cara ao Irixo.

Cando empezan a aproximarse á parroquia de Madarnás prestan atención ao “pazo con caserón do Sec. XV que domina aquela grave terra de amplos horizontes” [propiedade de D. Florentino Temes, que está algo desfeita (hoxe habitado), que tivo capela, agora pechada, escudos de armas dos Salgado, e no seu interior menciona algúns obxectos que a caseira lles mostrou: unha cama con tallas imitantes ás dos xugos de bois, unha cadeira, unha lacena; de todo o que fan fotos].

No Pazo, o cronista fai unha mención especial aos carballos que “Diante do portón do pazo,carballos vedraios de máis dun cento de anos, recibíndonos. Un diles, o máis alto e groso danos acubillo e debaixo dil sentamos campamento para almorzar outra volta,, chicolate rillado con pan”.Na actualidade esa carballeira está algo afastada da estrada que  foi desviada do seu trazado anterior, á que fai referencia X. Pardo cando nos lembra que acababa de pasar por alí o “autobús de liña, mixto, pasaxeiros e gando, co seu letreiro: Auto Campinas (de Dadín).De alí a un pouco outro, co simpático rótulo –palabras textuais– de “O NOSO” .Un hórreo de cinco tramos e varios deses carballos seguen en pé,o que non debería ignorarse par unha posible inclusión dentro do catálogo de árbores senlleiras, porque, a simple vista, reunen meritos suficientes para acadalo, sen entrarmos en consideracións históricas que, a bo seguro,se poden documentar.

DO IRIXO A SILLEDA

Se seguimos o itinerario marcado polos intrépidos camiñantes, O Irixo xa o deixamos á dereita no recóndito Couso (parroquia de Cangues), cunha grande superficie de terras,a antiga casa señorial con pombal e escudo, hoxe en ruínas, que nas últimas décadas do século pasado estivera adicada a árbores froiteiras, na estrema coa parroquia de Mudelos( O Carballiño).Na mesma dirección deixamos o monte de Cangues e a “Área Arqueolóxica” do mesmo nome cunha extraordinaria cantidade de petróglifos e desde onde se pode desfrutar dunhas vistas espectaculares sobre o concello do Carballiño.

Á esquerda da estrada vella e da nova, denantes de cruzar a ponte do Eixán (hoxe máis por enriba a ponte Pedriña), tiveron que abeirar o que hoxe é o marco incomparable da “Insua dos Poetas”, cuxa propiedade adquirira a familia de L. González Tosar en 1975 aos herdeiros da que fora Chousa do Pazo de Madarnás e,segundo consta na inscrición á entrada do recinto, son máis de cen ferrados de terreo cerrados sobre si, con moita auga e abondosa e variada vexetación que, no seu momento, era terra de cultivo, a prado e a monte, hoxe convertida nun parque “temático”, non ao estilo moderno, senón de integración e inmersión na natureza de diversas manifestacións artísticas:poesía, escultura,música e todo aquilo que sexa digno de ser interpretado en clave cultural galega.Anualmente celébrase “A festa da palabra” e se recoñece o labor de persoas e institucións  que destacaron en diferentes ámbitos da cultura. A construción dun auditorio ao aire libre está favorecendo a celebración de espectáculos audiovisuais e musicais. É polo tanto un espazo actual a ter en conta no percorrido por estes lares.

Os camiñantes,cando pisan por primeira vez a terra do Irixo, fano na parroquia de Corneda para non esquecer a feitura da igrexa parroquial “con fermosa torre barroca estilo compostelán, baixo a advocación de Santiago Apóstolo “, ao chegar ao Concieiro inclúe como algo a ter en conta a capela que no medio do lugar loce na espadana un Santiago pelegrín. Pasoulle desapercibida, ou non a consideraron de interese suficiente a casa hoxe convertida nunha “casaseto” (revestida  de hedras),porque segundo consta no balcón de ferro data de 1886, e está incluída no catálogo de bens de interese cultural do concello. Pertence á familia dos Castro Meije. Os carballos que había á saída do lugar seguindo a dirección do camiño real en sentido á Bugalleira, permítelles facer un alto á sombra ata chegar a unha Carballa -hoxe desaparecida- onde o camiño se bifurca ao oeste cara ao santuario da Pena da Sela e parroquia de Reádigos, ao leste cara Loureiro e de fronte cara Dadín.

Despois de entrar na parroquia de Dadín e deixar á nosa dereita o Peto da Virxe da Pena da Sela e o camiño Real que segue cara ao Porto da Veiga, chegamos á igrexa parroquial e alí paráronse a observar algunhas curiosidades no adro [unha campa co nome de Florinda da Juana (Oicónimo)] e outros detalles no interior daquela.O lugar de Dadín nese intre estaba ás portas dunha transformación relevante porque  o que foi Casa-cuartel se  construiría máis tarde e tamén unha certa actividade comercial como resultado da dinamización da zona cando se levou a cabo a construción do ferrocarril (1925-1958) O Carballiño-Santiago.Na actualidade esa Casa Grande, exemplo de  económía fidalga, foi rehabilitada como hotel rural, pero a día de hoxe permanece pechado.Mágoa que o ansiado Camiño a Compostela non poida  contar aquí cun albergue excepcional!

No relatorio que segue, e denantes de chegar á “Ponte Irixo”, -non se alude á existencia das Laxas-, algo estraño pero non sorprendente, porque dá a impresión como que esa denominación “A Ponte /A Ponte Irixo” incluíse parte do que son As Laxas actual e parte da Ponte, porque,por exemplo, nas Papeletas Geográficas do Padre Sobreira e no “Arreglo parroquial de la diócesis de Orense de 1893”  considérase “Ponte” como lugar pertencente á parroquia de Dadín, sen embargo no censo de 1887 xa se inclúe “Lajas” na parroquia de Dadín. Será cuestión a precisar en futuras pescudas, denantes de que se consolide a tendencia actual a incluír baixo o paraugas de “O Irixo” á Ponte e ás Laxas.

O caso que nos trae aquí é outro, por iso seguimos co relato do cronista X. Pardo Bedia para centrármonos nunha observación curiosa que despois de advertir “Eran âs doce cando chegamos â Ponte Irixo”  (sería As Laxas) –Apartamos da estrada para irmos ao pobo, e o pirmeiro que nos chamou a atención  foi unha caravilla-petador  no portón de unha casa. A caravilla de un aer exipcio, semellando unha momia enfaixada, ollada de perto era a estilización de un labrego antigo con monteira, chaleque de colo rubido e chaqueta con botóns. Fixemos foto de esta caravilla”  [] “Mesmo â entrada da ponte pasamos a unha casa con tenda no baixo e outro cuarto pequeno onde traballaba un zapateiro,co que, ao tempo que un arregraba as botas do Feixóo,estivemos de tertulia…..O patrón, home serio, de bigote, fíxonos rubir  por unha moza, ovos duros partidos á metade, guiso imitante ao do pulpo á feira, e dimpois, xamón cocido con patacas ao xeito de cachelos, queixo, pan e viño e café  con unha botella d-augardente do Ribeiro”.

O petador -segundo observacións dalgúns veciños que aínda hoxe o lembran- estaba na portada da casa que pertenceu -e pertence- á familia dos de Rei, no cruce que se desvía cara á Ponte. A taberna é na casa  inaugurada en 1916, segundo inscrición da fachada, popularmente coñecida como de Lagarto, que aínda hoxe se conserva en bo estado, á beira da antiga ponte  [“Na crave do arco central, ten unha imaxe que se non ve ben e de feitura moi primitiva”: Un San Pedro na parte sur,hoxe visible,  para o linde con Dadín e unha virxe da Asunción -hoxe desaparecida-ao norte para o linde do Campo;segundo os patróns de cada parroquia ]. A ponte medieval foi trasladada recentemente a continuación da nova e así facer visible un dos vans que permanecía oculto.Ao seu paso pola Ponte, despois do descanso, o portavoz fai referencia a un peto de ánimas [que pode ser o que na década dos sesenta se incorporou á fachada da capela de Fátima en fronte da Casa de D. Manuela e moi preto da leira que aínda hoxe pode admirarse con pombal e hórreo que pertence aos seus herdeiros]. Silénciase a existencia da Casa Consistorial, que, ou ben  estaría en construción, ou porque naquel momento estivese noutro lugar, como por exemplo nas Campinas

Naqueles anos, Vicente Risco estaba a traballar para a publicación de “Geografía General del Reino de Galicia[4]” (1928) na que se pode suliñar -aproveitando que o Viñao pasa pola Ponte- (permítaseme a licenza),  “Que el camino antiguo de Orense a Santiago va por Bugalleira, Dadín Ponte Irixo, Rumiña y Hermida do Fondo a la Hermida do Medio. Antes de Ponte Irixo bifurca otro por Condomiña y Ponte Campinas a subir al Foxo do Cabrito”. Que con outras palabras, vén a ser unha das variantes que seguen os do Grupo Nós e confronta co de Domingos Fontán e engade:(aquí é onde pode estar o interesante para quen queira indagar) “Atraviesa esta parroquia [O Campo]  el camino antiguo de Orense a Santiago, en cuyo trayecto se encuentra, a la entrada del lugar de Ponte Irixo, un puente de un solo arco sobre el Orros, y a la salida del lugar, donde llaman casa del Rumiñán, un depósito de arcilla de colores, blanca, encarnada y azul, que se utiliza para utensilios domésticos; y ya en el monte, al Oeste del camino, primero las ruinas de una venta con un roble de fama por sus proporciones y más adelante vestigios abundantes de explotación metalúrgica”.Sen querer quitarlle os méritos, sobradamente oñecidos, a Vicente Risco, o certo é que estes datos, con bastante probabilidade son obtidos de Madoz de 1850 e, polo tanto atopar mostras desa cerámica, do carballo e da venta na Romiña non resultará doado.(Alguén pode axudarnos?)

 Volvendo ao rego do que nos ía describindo Xavier Pardo,contra o serán desta longa e difícil segunda etapa,xa “no alto” que debe corresponder á Ermida do Fondo (O Campo)di que os sorprende unha casa que na lumieira da porta presenta una inscrición do ano da súa construción -1777- e con detalles curiosos.[O que suscribe esta reportaxe, nestes días tentou atopar algunha pegada, pero resultou infrutuosa].

Deixan constancia dalgunhas mostras arqueolóxicas : “Ollamos ata sete mámoas apiruladas, con sinal de non teren sido abertas (Poden ser as que actualmente foron catalogadas como da Barroca/Irixe, e de Pena Negra/Silvares).Á esquerda identificamos, a lo menos, un castro” (Quizais o coñecido como de Orros,porque coincide coa situación da ruta que seguen).No momento actual son varias as que estan identificadas nesa contorna, algunha próxima  á estrada e outras máis escondidas por arriba de Irixe e de Vila,espazos compartidos con algunhas minas.

Sobre as cinco da tarde din chegar á Ermida do Fondo, “derradeira aldea do Irixo e tamén da provincia de Ourense, a de Pontevedra escomenza xa na Ermida do Medio, para a que aínda queda moito que andar”.

Á esquerda da  ruta seguida, aínda se atopan dentro da provincia de Ourense os lugares do Espiño e Couso.Este topónimo, curiosamente, tamén dá nome ao que podemos considerar o primeiro lugar do concello do Irixo, limítrofe  co concello do Carballiño, tal e como vimos.

Chegan ao Espiño ás 7 da tarde, despois de deixar o punto máis alto da serra onde o altímetro marca  800 metros.

Vemos que os protagonistas, non sen atrancos, apuran o paso para poder cubrir as sete leguas daquel día de andaina para chegar a Silleda a pernoctar nunha pousada, parada habitual de arrieiros, e ao día seguinte uniríase ao grupo “Cuevillas e Monxardín, que saíran de Ourense pola mañá, no Castromil”. Con esta observación, e tal e como xa advirtiamos, en realidade os que fixeron o camiño completo foron:Otero, Risco, Feixoo, Sánchez e o cronista, Xavier Pardo.

O penúltimo e último día adicárono a completar o traxecto desde Silleda á Ponte Ulla, o Pico Sagro -”onde nos agardaban queridos irmáns de ideal”- e Santiago. Despois de recoller a “Compostela” e desfrutar da emoción ao pisar Santiago, conclúe con emocionada expresión:

 “Ouh, santa e divina emoción da peregrinaxe, de ti non saben os que nos chaman tolos!

Como coda  a esta revisión da viaxe entre Ourense e Santiago, pasando polo Carballio e O Irixo,só me queda expresar a miña ledicia por que homes tan senlleiros teñan tripado estas terras e transmitir a mesma emoción que dixeron eles experimentar cando vai cumprirse dentro de nada ese centenario da pelerinaxe para o ano 2026 e así se cumpra o desexo expresado xa desde varios concellos para que esta variante,”Camiño NÓS” sexa merecente de concederlle a Compostela a quen decida realizalo e, mentre tanto, poñamos en valor o traxecto comprendido entre O Carballiño e O Irixo, que conta, ademáis doutros, cos méritos expresado

.[Sen localismos e sen desdén para O Carballiño por aquilo do slógan”Para carne, pan e viño: O Carballiño”; por que non un menú irixense ao estilo Nós,[ O que segundo X.Pardo degustaran na casa de Lagarto]se contamos cos produtos axeitados se nos atemos á páxina web “A tienda O Irixo”.]

Desde O Consello da Cultura de Galicia[5]  (No Camiño de Santiago)tamén se está a recrear esta viaxe de xeito virtual, tanto  na súa Web como nas súas redes sociais. Poden visualizarse todas as etapas en Twiter e en Facabook a través do hashtag:#ocamiñodenós// https://youtu.be/wfG0FtbEgSY

Xulio Dobarro Ferradás. Vigo, febreiro de 2021.


[1]E. Ferreira Preigue: Los caminos medievales de Galicia. Museo Archivo Provincial de Ourense.

[2]X. Dobarro Ferradás: O Irixo.Patrimonio Cultural. Tórculo Edicións.2020.

[3]Edición a cargo de L. González Tosar. Edit. Aira.(2020)

[4]V. Risco: Provincia de Orense,tomo 5 en F.Carreras Candi (dir.):Geografía General del R. de Galicia.Barcelona.

[5]A. Vázquez-Monxardín Fdz.:No camiño de Santiago:Vieiros de fe, vieiros de ideal. C. da Cultura Galega.S.de Compostela.2020.


Outros artigos de Xulio Dobarro

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.