Violencia patolóxica

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artigo : ”  Violencia patolóxica

Á memoria do gran filósofo e amigo

Mario A. Bunge no primeiro cabodano do seu pasamento

“Hoxe en día podemos converter o mundo nun inferno; estamos no camiño para conseguilo” (Herbert Marcuse: O final da utopía; 1967). O autor desta expresión foi un dos proxenitores ideolóxicos do maio francés do 68 do século XX. Frankfurtiano destacado ao lado de Theodor W. Adorno, Max Horkheimer, Erich Fromm e Walter Benjamin. Todos procedentes do comunismo, aínda que moi críticos coas teses ortodoxas propostas por Karl Marx. Estes sociólogos, fundadores do Instituto de Investigación Social, ubicado en Frankfurt, son os creadores dun proxecto filosófico e  ideolóxico, coñecido como teoría crítica, co que pretendían levar a cabo unha renovación da teoría marxista nunha época tan convulsa a consecuencia da Primeira Guerra Mundial e da Revolución rusa de 1917. Por esas connotacións ideolóxicas, non sorprende que Marcuse participase activamente nas revolucións estudiantis do sesenta e oito, que flameaban con orgullo o lema que o filósofo lles regalou: “Sexamos realistas, pidamos o imposible”. Con todo, en nada se parecen as revolucións do maio do sesenta e oito coa barbarie e vandalismo que observamos nestas últimas datas en España. O maio do sesenta e oito comezou polos estudantes universitarios, apoiados polos sindicatos e pola case traballadora, cunha ideoloxía definida: contra o consumismo, contra o autoritarismo, contra o capitalismo…; os altercados camorristas actuáis non só carecen de apoios sociais e de ideoloxía, senón tamén de ideais e de fins.

            Marcuse explica no libro O final da utopía que a prehistoria da humanidade chegou ao seu fin e xa concluiu, pero a historia agora reivindica unha nova antropoloxía que libere aos seres humanos da súa unidimensionalidade (O home unidimensional é o título doutro famoso libro seu) e fomente a necesidade vital de liberdade como único recoñecemento que poida impulsar o cambio cualitativo da existencia. Non obstante, considero que esa liberdade reivindicada polo filósofo alemán non é sinónimo de destrución, de violencia, de ameazas ou de condutas irracionais. En toda revolución existe, abofé, unha confrontación entre a legalidade e a loita contra ela. O resultado final depende de cal das dúas opcións se impoña no combate. No caso das revolucións anárquicas destes últimos días en España, quen se imporá?

Para Marcuse, o poder dentro dun sistema político é sempre violencia, “incluso coa falsa liberdade do televisor, que sempre o podo apagar se quero… pero esa liberdade é unha aparencia. Hai violencia cando un lle rompe a cabeza a outro coa porra ou o ameaza con romperlla. Non hai violencia cando se me presenta un programa de televisión que glorifica dun xeito ou doutro o sistema existente” (Marcuse). Dalgunha maneira, esas ideas marcusianas da década dos sesenta, non lles parece que soan a moi actuáis? O sustrato marxista, do que nunca renunciou, estivo sempre presente nas manifestacións públicas e nos libros de Marcuse.

Naquela histórica revolución estudiantil europea había intelectuais como Marcuse, Louis Althusser, Pierre Bourdieu, Jean-Claude Passeron… que se implicaron na situación activista ofrecéndolle ideas á sociedade e explicándolle as causas e razóns de tan radical rebeldía. É fundamental o papel da intelectualidade en situacións de conflitos sociais porque dela deberían reclutarse ideas e propostas para resolver de forma eficaz e racional as refregas sociais. A pregunta, por ende, é esta: onde está esa intelectualidade española nestes momentos de pandemia e de barricadas? Quizais non existe? Talvez está narcotizada? Algo deberían opinar os intelectuais sobre a violencia, sobre as estraxias politicas para saír con éxito da pandemia, sobre os valores democráticos tan cuestionados nun Estado de dereito como son a liberdade, a tolerancia, a xustiza, a libre expresión de ideas… Onde están os Ortega y Gasset, os Unamuno, os Valle-Inclán, os Julián Sanz del Río, os Jesús Mosterín, os Mario Bunge… nestes momentos do século XXI? A sociedade española só recibe información e propostas a través dos políticos, nos que a orixinalidade das súas ideas non adoita proceder precisamente dos mellores nin máis fiables curricula universitarios como para que se transformen en Moisés do noso destino.

A violencia actual e a ética como base da convivencia

Os frenéticos episodios deste mes de febreiro nas cidades españolas delatan tanta crueldade e tan intensa agresividade que desde un punto de vista racional resultan difícil de xustificar. Pero así permítennos analizar un pouco máis polo miúdo o problema da violencia.  

A reivindicación de liberdade, que nestas manifestacións aparece baixo o slogan esixente de “liberdade de expresión”, xorde como unha vella necesidade humana en tempos convulsos. Parece evidente que nunha sociedade coma nosa, na que se logrou pacificación e satisfacción a un determinado nivel, resulta a primeira vista absurdo pensar en revolución, pois temos todo o que queremos. Pero aquí parece que se trata de transformar a vontade mesma, para que non se queira xa o que se quere agora. Desde a vulnerable atalaia da pandemia asistimos, entre abraiados e alporizados, á retransmisión duns disturbios sociais e revoltas rueiras que desenmascaran con inmensa vergoña os síntomas patolóxicos dunha sociedade vacilante e confusa. A etioloxía deses fenómonos sociais difumínase na brétema da confusión -paro xuvenil, antisistemas, kale borroka, trastornos de conduta…- pero cuxo aglutinante se denomina “encarceramento do rapeiro”. A razón de tales disturbios obedece, en opinión dos promotores, a unha “falta de liberdade de expresión” do cantante, aínda que as razóns da condena dos tribunais de xustiza non parecen obedecer a tal opinión. Así e todo, os enfrontamentos entre manifestantes e policía revela a rabia e a violencia con que se actúa. Son gromos de odio, de saña e de maldade.

Non podemos esquecernos de que vivimos nunha sociedade onde o ben e o mal aparecen distribuídos de forma aleatoria. Hai bondade e hai maldade. Hai persoas que cooperan cos demais e persoas que perturban e trasgreden a convivencia. Pero falar das persoas cooperadoras, bondadosas, leais, fieis e cumpridoras das normas non vende moito nos medios de comunicación nin na literatura; o que impacta é o que produce certo morbo, é dicir, o contrario do ben: o inmoral, o ilegal, o que infrinxe as normas, o que produce medo e temor na sociedade.

Os malvados -os que actúan mal- deixan na sociedade un elevado número de vítimas e damnificados, e fano a conciencia, actúan coa intención de prexudicar e danar. Na nosa tradición cultural, o mal está representado por Caín e polo demo, pois eles son os axentes principais das traxedias do mundo. Eses comportamentos malignos, que xeran dano, abusos e dor reciben a catalogación de amorais ou inmorais, sen necesitar acudir aos conceptos rexistrados nas leis para cualificalos. Os dous eixes fundamentais nos que se apoia a moral son: evitar lesionar ou prexudicar aos demais e procurar socorrelos en caso de necesidade. Pero o primeiro de todos é non danar, despois será axudar sempre que se poida. Polo tanto, a conduta prosocial ou moral implica cooperación e socorro, chegando ao extremo, de ser preciso, de sacrificar ou mermar os propios intereses. Estes principios constitúen o cerne de gran parte das organizacións civís ou relixiosas plasmados en códigos normativos básicos. Despois da reverencia á autoridade suprema (terreal ou sobrenatural) -amarás a Deus sobre todas as cousas- aparecen normas sinxelas: non matar, non roubar, non enganar, non calumniar, non prexudicar a ninguén nin aos seus bens…e, sempre que se poida, socorrer e compartir. Todo iso é o que as persoas malvadas se dedican a subverter con tenaz dedicación e ata con fruición. E fano, quizais, porque carecen de sentimentos morais.

            Ás veces preguntámonos se no mundo predominan os malvados ou os bondadosos, e non faltan os que din que “se os canallas e os viláns voasen, apagaríase a luz do sol”. Esa é unha visión moi pesimista da natureza humana, unha visión maniquea que divide a humanidade entre bos e malos e que está presente nas nosas tradicións. A Biblia dividía a humanidade masculina en Caíns e Abeles. Para a humanidade feminina a división non é tan rotunda, aínda que lles adxudica a semente de gran parte das tentacións que conducen ao mal.

            Para situarse nun certo optimismo, Steven Pinker publicou un famoso libro, titulado Os anxos que levamos dentro: o declive da violencia e as súas implicacións, no que afirma que todas as formas de violencia van remitindo na sociedade grazas á inversión en intelixencia e en tecnoloxía para regular os cambios sociais. Con todo, no mundo a maioría das persoas son cooperadoras, leais e bondadosas e só unha pequena porcentaxe, pero importante, é perversa e malvada.

Agresividade innata

Todas as persoas somos violentas e agresivas por natureza. Vénnos de fábrica, está na nosa maquinaria xenética. Vénnos, pois, de serie e vai unida aos nosos parentes primates. Pero grazas e ela podemos sobrevivir e non ser eliminados despois de nacer. O que sucede é que cando falamos de violencia e agresividade referímonos a aquelas persoas que reinciden nesa forma patolóxica de conduta.  Se nos centramos na violencia innecesaria, na que non se activa ante as necesidades de supervivencia, senón para resolver situacións conflitivas de forma pouco racional, teremos que acudir ás bases biolóxicas de cada unha para coñecer a resposta. Pero debemos ser optimistas porque a violencia tóxica, maligna, malvada é minoritaria. Os humanos somos máis leales, cooperadores, xenerosos, solidarios, benefactores que agresivos. Só acudimos á violencia cando o necesitamos, como nos casos de nos defender dun ataque ou para capturar algo que interesa. Polo tanto, a agresividade é algo normal, non é un fenómeno patolóxico, aínda que hai casos de auténtica patoloxía.  

A conduta agresiva consiste en producir dano a outros individuos ou a un mesmo (suicidio, automutilacións) como forma de diminuir a adaptación biolóxica. A conduta agresiva hai que entendela como unha conduta social intraespecífica, entre individuos da mesma especie, porque a conduta agresiva con outras especies chámase predación. A violencia consiste en utilizar a forza ou o poder para agredir. Hai moitas formas de manifestarse esa conduta; normalmente, van precedidas de sinais que a anticipan, aínda que non sempre, e faise en episodios concretos (despois dunha discusión, por contas pendentes, por unha débeda, por celos…). Estas condutas violentas dánse frecuentemente en persoas normais e soen ser illadas.

            Pero hai condutas agresivas que son patolóxicas e que se recoñecen facilmente en medicina e en psiquiatría, como nos casos de agresividade reiterada e gratuíta, incluso contra un mesmo. Iso dáse incluso en criaturas pequenas.

            Os biólogos falan de agresividade proactiva, que é agresión para obter cousas, e aparece como predatoria, ofensiva, controlada, premeditada, fría, incluso a veces delegada como no caso dos sicarios. E hai outra agresividade chamada reactiva, que é impulsiva, afectiva, defensiva, emocional e quente. Aparece para facer fronte a algunha agresión. Esta emite sinais moi claras como son os xestos, a coloración da pel, o movemento do corpo, a tensión arterial elevada…  E últimamente empezou a falarse da agresividade apetitiva, que é xente que descubre que o pasa ben agredindo. Xente que descobre que cando o pasa mellor e facendo dano. Iso sucede cos hooligans, coa caza, coas tribos urbanas… por esa razón esta agresividade soe ser colectiva.

Base biolóxica da agresividade

A agresividade deriva das nosas condicións de fábrica, é dicir, dos xenes, do funcionamento cerebral, das hormonas… Despois están as drogas. E tamén a dor, porque cando temos un irritante interno que non podemos eliminar mordemos. Outro factor é a frustración, porque cando pasamos moito tempo sen conseguir o que queremos tamén mordemos. Pero como explica o neurocientifíco Ignacio Morgado, existen outros factores externos que tamén inflúen nese tipo de conduta, como a televisión, as series, as tablets, a aprendizaxe…   As persoas que sofren maltrato familiar de pequenas teñen máis tendencia á agresividade. Pero o que máis inflúe é o que traemos de fábrica e a súa maduración. A circuitería traémola descrita. Pero os circuítos que temos para frear a agresividade (normas morais, reflexión para decidir, sopesar, colocar escrúpulos de conciencia…) son enormemente máis grandes que os que temos para provocar a conduta agresiva. Dentro deses circuítos actúan as hormonas; unhas favorecen a agresividade e outras fréana. Entre as primeiras están as hormonas sexuais masculinas (as mulleres teñen tamén estas hormonas masculinas), a dopamina, a noradrenalina, a insulina… E entre as que frean está a serotonina, a oxitocina, os corticoides…

            Con todo, hai outros factores que interveñen na conduta agresiva e violenta, aínda que en menor escala. Por exemplo, a idade. Hai estudos dos últimos anos que corroboran a idea de que as condutas agresivas gardan relación coa idade. Un deses estudos recentes proceden do FBI en EEUU nos que centraron a atención na relación entre a idade e as violacións, furtos e roubos nas décadas de 1990 e de 2000. Algunhas consecuencias dese estudo son esclarecedoras:

Antes dos 14 anos apenas hai casos de tales feitos, pero onde se dispara é entre os 19 e vinte e pico. Logo empeza a descender lentamente e a partir dos 40-45 anos xa non hai. Eses datos respecto á idade coinciden cos datos psicolóxicos onde a persoa entre os 12 e 13 anos incrementa a busca de sensacións fortes e chega ao máximo a partir dos 17, 18, 19 anos, e a partir dos 20 anos empeza a descender pouco a pouco. Pero aquí nesta etapa entre a adolescencia e a primeira xuventude hai un territorio no que os humanos están fabricados para ter máis necesidade de sensacións fortes que capacidade para frear ante peligros excesivos. E iso é unha cuestión de maduración cerebral. O dato da idade é bioloxía pura.

Cómpre considerar tamén a relación destas condutas violentas en homes e mulleres. Compróbase que o sexo ten a súa propia forma de actuar e nótanse diferenzas na agresividade entre os homes e as mulleres. Estes son algún datos:

  1. En violencia física: Homicidios                                            85 H   15 M

                                  Asaltos con violencia:                              90 H   10 M

                                               Roubos con violencia:                              85 H   15 M

                                              Mortes con violencia doméstica:           70 H   30 M

                                               Maltrato infantil:                                     70 H   30 M

                                               Violacións:                                              100 H    0 M

  •  Agresividade psicolóxica:      Calumnias:          40 H  60 M

                                               Humillación verbal:  50 H  50 M

                                               Ostracismo:                30 H  70 M

                                               Negativismo:             10 H  90 M

Isto indica que os sexos teñen estratexías agresivas diferentes.

Como se pode comprobar, os homes superan amplamente ás mulleres en agresión e violencia física, en cambio son as mulleres as que lideran as agresións psicolóxicas e de relacións sociais.

            Existen outros factores biolóxicos que interveñen na conduta agresiva patolóxica como se demostra noutros estudos. Estudos, por exemplo, que van dirixidos ao cerebro do delincuente. E hai resultados ben contrastados nesta dirección. Lesións nas zonas prefrontais e paralímbicas causadas por traumas físicos (guerras, accidentes, golpes…) indican que nas persoas afectadas aparecen condutas agresivas e violentas, cando antes eran individuos plenamente normativos e correctos. Comprobouse, por exemplo, nos veteranos da guerra de Vietnam que sufriran feridas penetrantes nesas zonas do cerebro como se volveron enormemente agresivos. Verificouse tamén que un pai cun tumor neural benigno na zona orbitofrontal desembocou en episodios de abusos pedófilos no ámbito familiar. Pero eses abusos cederon ao curar o tumor.

            Hai outros datos que confirman esa mesma idea, como escribe Ignacio Morgado. O déficit de volume nas zonas das amígdalas cerebrais axuda a distinguir entre tipoloxías da criminalidade. Iso vese nos psicópatas porque teñen as amígdalas moi reducidas. E os pacientes que teñen lesións nas amígdalas teñen moito menos medo que as persoas normais. Polo tanto, hai uns marcadores neurais da psicopatía que apuntan a anomalías cerebrais.

            Disponse xa de serios estudos de xenética que chegaron á conclusión de que a tendencia á criminalidade ten unha evidente carga xenética. As estimacións dan un abano entre o 40-60% de influencia hereditaria na conduta antisocial. Estúdanse certos xenes dos que se supón que gardan relación con condutas anómalas, como sucedeu cun grupo de xenetistas do Hospital Universitario de Utrech (Holanda) ao descubrir o xene MAO-A (un segmento do cromosoma X) como responsable da gran violencia dunha familia neerlandesa. Este achado tivo unha gran repercusión científica porque foi a primeira ocasión na que se puido vincular un déficit xenético cunha alteración de conduta. Desa maneira, a xente normativa que ten baixos os índices de MAO-A nas plaquetas sanguíneas son máis impulsivas e irreflexivas.

Agresividade patolóxica

O normal é que a violencia entre persoas normativas non apareza nos medios de comunicación nin provoque preocupación na sociedade, cousa que si sucede con estoutro tipo de violencia patolóxica dada a preocupación e o pánico que afecta aos cidadáns. A diferenza entre condutas antisociais e amorais, por un lado, e condutas violentas e letais, por outro, é evidente. Os encontronazos e rifas abundan en todas as sociedades e forman o groso das maldades sociais. En cambio, as condutas criminais e mafiosas forman un pequeno grupo de malvados, pero extremadamente perigoso. A letalidade máis frecuente entre persoas normativas é consecuencia de brotes e de episodios derivados dalgún incidente ou disputa que vai in crescendo e acaba nun desenlace fatal. Pero hai tamén modos letais de criminalidade que son resultado de plans ben preparados e de accións executadas con gran control dos tempos e dos detalles. Os asasinos en serie distínguense por bordar ese tipo de crimes elaborados.

A forma máis frecuente é a letal, con crimes, mutilacións, agresións sexuais, etc., pero non é a única. Cito as dúas máis recorrentes en casos de psicopatía: a letal e criminal e a financeira e empresarial. E temos dous exemplos impactantes destas dúas formas de delincuencia: O caso do extremista noruegués Anders Breivik e o non menos famoso financieiro nortemericano Bernard Madoff.

            O 22 de xullo de 2011, Breivik fixo detonar un coche bomba nas inmediacións dos edificios gubernamentais de Oslo producindo a morte de 8 persoas e ferindo a outras 200. Unhas horas máis tarde, disfrazado como oficial de policía, trasladouse ao illote de Utoia, onde había unhas xornadas estivais das Xuventudes do Partido Laborista. Despois de chegar ás instalación onde se celebraban as xornadas, apostouse no exterior para disparar como francotirador segando a vida de 69 xoves e ferindo a 33. Foi capturado pola policía inmediatamente sen resistirse. Brevik colgara pola mañá en Internet as súas motivacións para levar a cabo aquela carnicería. O seu motivo era pregoar o seu ideario dereitista que estaba en contra das políticas de acollida e da integración multicultural e, particularmente, para loitar contra “a islamización” do seu país.

           O tribunal encargado de xulgalo pediu dous equipos distintos de psiquiatras forenses para que ditaminaran sobre a saúde mental deste predador. O primeiro equipo avaliouno dicindo que presentaba un cadro de esquizofrenia paranoide e considerouno mentalmente perturbado e non responsable dos seus actos. O segundo foi nomeado ante as críticas que recibiu ese ditame e ante as alegacións do propio Breivik que insistía en asumir a plena responsabilidade sobre aquelas atrocidades. O segundo euipo de psiquiatras concluiu unha semana antes do xuízo público e ditaminou que Brevik non padecía disfuncións mentais nin durante a avaliación do equipo nin cando cometeu aquelas barbaridades. O que si lle diagnosticaron foi unha anomalía de carácter, un trastrono de personalidade con dúas eivas: como narcisista e antisocial. O Tribunal de Oslo considerouno culpable da morte de 77 persoas e impúxolle unha sentencia de 21 anos de reclusión (a pena máxima en Noruega).

            O caso do defraudador Bernard Madoff non precisou tantos especialistas para dar un diagnóstico. Madoff fora director consultivo do mercado NASDAQ na Bolsa de Nova Iorq e aceptou a súa responsabilidade no fraude monumental que urdira durante décadas. Foi o fraude máis importante da historia norteamericana porque enganara a miles de clientes por un valor de miles de millóns de dólares.

            Madoff confesou que iniciou as operacións fraudulentas na décado de 1990, aínda que os investigadores federais atoparon indicios de que a estafa puido ter empezado na década de 1970. A suma total de capital volatilizado cifrouse en 65.000 millóns de dólares. A condena que se lle deu foi de 150 anos de cárcere, a máxima  pena aplicable nos EEUU de acordo coa lei federal para estes supostos.

            Os tribunais de Noruega e de EEUU implicaron aos dous acusados de seren responsables dos seus actos e de actuar cun coñecemento preciso e detallado das consecuencias daniñas das súas condutas criminais. Ambos casos ilustran unha serie de accións malignas que responden a plans e decisións tomados en solitario e que retratan as dúas grandes modalidades de psicopatía: as persoas que segan vidas e ocasionan torturas físicas, por un lado, e os que prexudican os bens e os intereses alleos mediante condutas defraudadoras, por outro. É curioso que entre estes últimos soen abundar delincuentes de éxito, xa que aproveitan o seu inxeño para eludir as detencións e os castigos. En cambio, os primeiros -os altamente perigosos e crueis- son menos coidadosos e son capturados con facilidade.

            En todo caso, a gran maioría das agresións e condutas violentas na sociedade, como as que se observan estes días nas manifestacións a favor da liberdade de expresión en España, non obedecen a patoloxías psíquicas -esquizofrenias, psicosis, psicópatías-, senón a situacións laboráis, a grupos organizados antisistema, a xoves idealistas pensando nun futuro mellor, a persoas con incapacidade para seguir un plan de vida e, tamén, a persoas que gozan participando en calquera tipo de liorta. Como estamos acostumados a que ese tipo de maldades se repita con demasiada frecuencia na sociedade, o que nos produce é rabia e rexeitamento, ademais de custo económico polos estragos vandálicos ocasionados.

Freud dicía que a psicanálise debería converter a todos os pacientes en revolucionarios. Será que todos os participantes nos altercados provocados polo encarceramento do rapeiro catalán estarán en tratamento psicanalítico?

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.