
Deputación de Ourense e CEO renovan o seu compromiso de seguir traballando pola internacionalización das pemes da provincia
“Máis dixitalización, máis internacionalización e máis “marca Ourense”, son os tres obxectivos que, segundo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, caracterizarán a nova etapa da plataforma ” ExportOU”, unha iniciativa que naceu en 2017 froito da alianza de cooperación entre a institución provincial e a Confederación Empresarial de Ourense ( CEO) coa finalidade de apoiar e fomentar a internacionalización das empresas ourensás.
Así o acordaron na reunión telemática que celebraron o presidente do goberno provincial coa presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, e o secretario xeral da entidade empresarial, Jaime Pereira. O obxectivo é darlle continuidade a esta plataforma que engloba recursos, formación, información e asesoramento para axudar ás pemes ourensás na procura de mercados exteriores para os seus produtos.
Na nova etapa deste proxecto potenciarase e consolidará a “marca Ourense” para todas as empresas que participan en ExportOU e apostarase por reforzar a dixitalización enfocada á internacionalización destas pemes. Neste último campo, ExportOU xa presentou a finais do pasado ano unha xanela á presenza virtual das empresas a través da realidade 3D e a tecnoloxía 360º en vídeos de presentación de empresas vitivinícolas de Valdeorras e Ribeiro, e que pretenden continuar con novas incorporacións e accións centradas na dixitalización dos recursos para a exportación.
Desde a súa posta en marcha en 2017 ExportOU puxo ao dispor das empresas ourensás un completo programa de servizos de apoio e actividades dirixidos a impulsar a presenza internacional das pemes da provincia, así como a mellora da competitividade do tecido empresarial ourensán, contribuíndo desta forma para estimular a economía e a xeración de emprego.