A Fundación Expourense, como ven sendo habitual no primeiro trimestre do ano, presenta os datos do exercicio anterior 2020

.- A Fundación Expourense, como ven sendo habitual no primeiro trimestre do ano, presenta os datos do exercicio anterior nun 2020 marcado pola pandemia mundial provocada pola COVID-19. Ante esta situación, Expourense readaptouse creando eventos de formato híbrido (entre virtual e presencial) e distintas accións profesionais vencellados aos proxectos incluídos no seu calendario para garantir a actividade e o contacto permanente cos sectores aos que fai referencia a

ou evento. Hai que engadir ademais as distintas probas deportivas disputadas na pista de atletismo.
Expourense comezou o 2020 con dous grandes eventos celebrados no recinto. O primeiro deles foi Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que tivo lugar do 5 ó 9 de febreiro, e que foi a única feira de carácter internacional celebrada en Galicia en todo o ano e, xunto a FITUR, as dúas únicas citas internacionais de turismo celebradas en España. Contou con 289 expositores procedentes de 9 países; ofreceu un programa de actividades con máis de 150 experiencias e reuniu a 25.000 visitas.
O segundo gran evento celebrado no recinto foi o LVI Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta celebrado na primeira fin de semana de marzo e que foi calificado como “o mellor da historia” polo propio presidente da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), Raúl Chapado. Escasos días despois producíase a limitación da celebración de feiras e eventos, e o posterior confinamento.

AVANTAR ACTIVIDADES


As actividades desenvolvidas pola Fundación durante o 2020 contaron con 48.000 visitas presenciais no recinto (19.000 procedentes da actividade deportiva) e máis de 3.000 participantes de xeito virtual que se conectaron a aos distintos congresos e xornadas formativas. A creación de novas oportunidades de negocio e a capacitación profesional centrada en sectores concretos como o turismo de saúde e termalismo, o funerario ou o turismo activo e deportivo, foron os eixos principais da actividade do recinto no segundo semestre. Para iso, contou coa participación de 312 expertos nacionais e internacionais que exerceron como relatores destas actividades.
Actividade durante o confinamento
Durante as semanas do confinamento máis estricto, Expourense organizou unha serie de actividades formativas en liña e en directo vencelladas aos seus proxectos Termatalia, Xantar e Ourense Vinis Terrae. A primeira desas actividades foi o webinar sobre “Utilidades preventivas e terapéuticas da terapia termal respiratoria” impartida polo especialista Dr. Antonio Freire e que congregou a máis de 200 profesionais de 12 países. Por outro lado, as actividades vencelladas á enogastronomía tiveron o obxectivo de manter o contacto coa comunidade e animar e entreter desde unha perspectiva saudable, aos numerosos seguidores da feira a través das súas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter) ao tempo que poñían en valor aos produtos de calidade e ás empresas do sector. Incluíron catas comentadas dos viños das cinco Denominacións de Orixe de Galicia, nas que destacaron os dous colaboradores institucionais de Expourense, os Consellos Reguladores de Monterrei e Ribeiro. Tamén se realizaron obradoiros internacionais de cociña con chefs de España, Portugal e Costa Rica, que foron seguidas por centos de usuarios e cuxos vídeos superan as 20.000 reproducións a través de Facebook.
Primeiro evento con presencialidade en Galicia No mes de xuño, Expourense organizou unha nova edición da Xornada sobre Enerxías Renovables que tivo carácter híbrido e que foi o primeiro evento con parte presencial organizado en Galicia tralo confinamento.
Actividade segundo semestre 2020


Xa no segundo semestre do ano 2020, Expourense desenvolveu unha estratexia baseada na organización de congresos profesionais en formato híbrido para darlle continuidade e cobertura ás feiras especializadas previstas no seu calendario (Termatalia e Funergal como feiras internacionais e Sportur Galicia). Isto permitiu manter o contacto e achegar novas oportunidades de negocio e formación a toda a cadea de valor que participa en cada evento.
No mes de setembro celebrou o 1º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde que congregou a 500 inscritos de 30 países. Vencelladas ó proxecto Termatalia, leváronse a cabo outras accións profesionais como o Workshop especializado en Turismo de Saúde e Benestar. Nestas accións se promoveron prioritariamente os destinos termais de Ourense cidade, Ourense a provincia termal, e balnearios de Galicia xunto con outros participantes habituais da feira coma son Extremadura, Murcia ou a Arxentina.
Tamén no mes de setembro se celebrou de xeito híbrido o 1º Congreso Internacional de Directivos Funerarios organizado por Funergal, que contou con expertos de 4 países e que reuniu a máis de 250 profesionais de España e Portugal, fundamentalmente. Serviu para analizar a actualidade do sector funerario no contexto COVID-19.
A actividade congresual remataba xa no mes de decembro coa celebración do 2º Congreso Ibérico sobre Turismo Deportivo en colaboración coa Secretaría Xeral para

o Deporte, da Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense. Contou coa participación de 25 relatores de España e Portugal e con 400 inscritos. Serviu de antesala para Congreso Internacional de Turismo Deportivo que se celebrará en Expourense no 2022 e para promocionar Galicia como destino seguro en turismo activo.
Tamén neste segundo semestre se organizaron outras actividades fixas do calendario de Expourense como a celebración do Día Mundial da Calidade ou o Foro da Comunicación de Galicia. Este último estivo centrado en analizar as novas formas de comunicar en tempos de incerteza.
A estas actividades hai que engadir os eventos organizados por entidades alleas a Fundación que elixiron as súas instalacións.


Actividade deportiva
Foron 11 as distintas competicións deportivas disputadas na pista de atletismo cuberta de Expourense en 2011 destacando entre elas o LVI Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta. Nesta competición batéronse varios records nacionais e supuxo o regreso ás pistas, logo dunha lesión, da atleta galega Ana Peleteiro que acadou nesta proba ademais o seu quinto título nacional en salto triplo.
Novas infraestruturas
No 2020, executáronse as obras de ampliación do vestíbulo de Expourense que lle permiten ao recinto dispoñer dunha nova zona multiusos e de exposición, gañando así en versatilidade e compatibilidade entre a actividade feiral e a deportiva.Este espazo anexo conta con 400 metros cadrados de superficie diáfana cuxa multifuncionalidade o fan idóneo para calquera tipo de evento (congresos, reunións, presentacións, etc.) e tamén pode albergar exposicións e montaxe de stands xa que conta con todos os servizos de instalación eléctrica e de auga/desaugadoiro. Esta obra estivo financiada integramente pola Xunta de Galicia e supuxo un investimento de 516.000 euros
Todos estes datos están recollidos na Memoria de Actividades de Expourense 2020 que pode consultarse na súa páxina web:

Xantar, única feira internacional celebrada en Galicia en 2020 e unha das dúas internacionais de Turismo de España, xunto a FITUR
Accións profesionais telemáticas durante o confinamento
3 congresos profesionais híbridos vencellados aos proxectos de Termatalia, Funergal e Turismo Deportivo.
11 competicións deportivas na pista de atletismo cuberta entre as que destaca o LVI Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta
312 relatores nacionais e internacionais nos congresos, xornadas técnicas e outras accións profesionais
As actividades xeraron 48.000 visitas presenciais e máis de 3.000 participantes virtuais
Obras de ampliación das infraestruturas do vestíbulo con 400 metros cadrados máis de superficie