Gabriel Alén reúnese coa presidenta da Asociación APES para estudar futuras liñas de colaboración

Gabriel Alén subliñoulle que “a Xunta ven de aprobar a maior orde de axudas a entidades de inclusión social da historia”, e que destinará 3,4 millóns de euros a 29 organizacións da provincia de Ourense

O delegado territorial sinalou que as axudas se destinarán a financiar, durante os vindeiros dous anos, gastos de funcionamento de centros de inclusión social, así como actividades dirixidas ás persoas e familias en situación ou risco de exclusión

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, dentro súa rolda de encontros institucionais trala toma de posesión como novo representante da administración autonómica na área territorial, recibiu esta mañá á presidenta da Asociación APES (Asociación para a Prevención e a Educación Social en Ourense), Susana Pérez.

Gabriel Alén interesouse polo traballo desenvolvido por esta entidade o pasado ano e explicoulle as posibles liñas de colaboración nos proxectos que esta asociación ten previsto para 2021. Durante o encontro abordáronse distintas cuestións, como a posibilidade de renovar a colaboración que nos últimos tempos a Administración autonómica ven mantendo con esta entidade, e lembroulle que a aportación da Xunta neste período foi 153.019,54 euros.

O delegado territorial subliñoulle que “a Xunta ven de aprobar a maior orde de axudas a entidades de inclusión social da historia”, e que destinará 3,4 millóns de euros a 29 organizacións da provincia de Ourense. Ao respecto, Gabriel Alén sinalou que este orzamento supón un incremento do 6% con respecto á última convocatoria, a de 2018-2020, e que as axudas se destinarán a financiar, durante os vindeiros dous anos, gastos de funcionamento de centros de inclusión social, así como actividades dirixidas ás persoas e familias en situación ou risco de exclusión.

No conxunto da comunidade destínanse 17,8 millóns de euros que se repartirán en 128 organizacións. Trátase da sétima vez consecutiva que se aumenta o crédito desta orde de axudas, que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A última convocatoria desta liña de subvencións financiou 846 proxectos, e estímase que neste exercicio poidan facerse realidade arredor de 964 propostas.

Asociación APES

Dende 2008, data da súa constitución, APES é unha asociación que apoia os procesos de reinserción sociolaboral de persoas reclusas para evitar que volvan a delinquir, e desenvolve proxectos que tratan de abrir vías de comunicación entre o cárcere e a sociedade, amais de reducir o potencial da delincuencia e as súas causas dende a infancia promovendo accións que conxugan educación, prevención e reinserción. Actualmente desenvolve proxectos de educación en cinco centros educativos da provincia, amais de colaborar puntualmente con distintos colexios e entidades da provincia. as necesidades de apoio social ou psicolóxico dos doentes e das familias.