Nota de espazo Común: “O concello do Carballiño perdeu preto de 1.500.000 € en subvencións nos dous últimos anos”

A última desfeita do goberno municipal foi coa de 30.000 € concedida pola Xunta para a cuberta do Parque Infantil dos Catro Camiños.

Xunto coas perdidas en Obradoiros, Plans Integrados de Emprego u Aula Cemit, supoñen un claro reflexo da incapacidade dun goberno que compensa os seus erros coa suba de impostos aos veciños.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nos pasados días, comezamos a ter documentación sobre a xestión económica do Concello do Carballiño durante o ano 2020. Non por vontade do goberno, se non porque que a presentación dos novos orzamentos obriga a facilitar á oposición a liquidación do ano anterior.

O desleixo, amiguismo e alonxamento da realidade social que se reflicte na mesma é moito máis ca preocupante.

Se en días pasados, falabamos do impresentable e indefendible gasto de 115.000 € en festexos no ano da pandemia, é cecais aínda máis grave a constante perda de posibles ingresos para as arcas municipais pola vía de subvencións doutras administracións e que o goberno máis caro da historia do Carballiño non é capaz de xestionar sen deixalas escapar.

No ano 2019 perdeuse a do Obradoiro que tería permitido facer proxectos e xerar un posto de traballo durante 9 meses para desempregados, ademáis tamén damos por feita a perda da subvención da Aula Cemit xa que antes as constantes preguntas en pleno e por escrito, seguimos sen resposta nin do alcalde nin do responsable do departamento Diego Fernández.

No ano 2020 lonxe de aprender dos erros e centrarse nesta importante tarefa os concelleiros de Emprego señor Dacal e de Cultura señor Fernández, xunto co Presidente da Comisión, señor Fumega, seguiron moi ocupados contratando actuacións e espectáculos como para ter tempo de atender ás subvencións.

Así, dos dous Obradoiros anunciados e do Plan Integrado de Emprego, non foron capaces de acadar nin un só.

Agora sumamos a perda da subvención de 30.000 € concedida pola Xunta de Galicia para a cuberta do Parque Infantil dos Catro Camiños que foi solicitada, tramitada e debidamente vendida na prensa sen que despois se executara a obra demandada.

Todas estas subvencións perdidas e sen ter en conta as que non saberemos a causa da total falla de transparencia do goberno opaco de Fumega, cifran arredor de 1.500.000 € que deixaron de entrar nas arcas do Concello do Carballiño impedindo facer obras e proxectos que serían fundamentais nestes tempos de crise.

Iso sí, a falla de liquidez foi un dos argumentos esgrimidos polo alcalde para a suba do IBI que os cidadáns sufriráns nos seus recibos neste ano 2021.

Só hai unha conclusión: a veciñanza do Carballiño paga do seu peto a torpeza dun goberno que, iso sí, costa 120.00 € ao ano. Desa subvención si que non se esquecen.