Asoporcel pechou 2020 cun aumento do 20 % no volume de carne certificada baixo o selo 100% Raza Autóctona

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) fai unha valoración moi positiva dos resultados obtidos en 2020: o volume de produción cárnica procesada rexistrou un incremento de case 37.000 quilos con respecto ao exercicio anterior.

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) constatou unha mellora sobresaínte no ano 2020 no volume de carne certificada. “É certo que, sobre todo nos últimos catro anos, dende a concesión do logotipo 100% Raza Autóctona Porco Celta, vimos rexistrando unha melloría no volume de produción e sacrificio, pero desta volta o incremento foi particularmente notable”, apuntan os voceiros da asociación.

AVANTAR ACTIVIDADES

A produción total o ano pasado foi de 191.066,15 kg, o que supón un aumento de case o 20 % con respecto ás cifras rexistradas no exercicio anterior (154.205,50 kg en 2019), uns datos que “para unha raza autóctona en perigo de extinción como é o Porco Celta son boísimos”, subliñan.

Os datos de produción por quilos mantivéronse practicamente durante todo o 2020 por riba dos 13.000 kg/mes, cun incremento especialmente salientable en agosto, mes no que habitualmente se producen poucas vendas, pero no que, nesta ocasión, se superaron os 19.000 quilos, un 33 % máis que no mesmo período do ano anterior.

UNS DATOS FROITO DO TRABALLO DE MOITOS

Dende a asociación quixeron salientar que estes resultados tan positivos, máis aínda se se ten en conta que se deron no medio dunha crise económico-sanitaria, foron posibles “grazas ao traballo diario de todos os gandeiros e gandeiras que integran Asoporcel e que están conseguindo que esta raza vaia, pouco a pouco, recuperando a súa presenza nos montes galegos e tamén nas mesas dos consumidores”.

A boa predisposición dos seus criadores para adaptarse á nova situación con axilidade moitos deles comezaron recentemente a comercializar na Rede os seus produtos, mesmo os operadores máis pequenos– e a posibilidade de adhesión a iniciativas como Mercaproximidade, que permitiu nos últimos meses, co canal Horeca pechado, que “os nosos operadores puidesen incorporar os seus produtos en máis superficies comerciais, tendo así máis visibilidade e chegando a máis consumidores”, foron dous dos factores clave aos que atribúen os bos datos de carne certificada.

O Porco Celta recupera así pouco a pouco o terreo perdido e as súas perspectivas de futuro son boas: “Nos últimos 18 meses incorporáronse a esta actividade unha vintena de novos gandeiros menores de 40 anos que amosan moito interese nesta raza que, non o esquezamos, axuda a recuperar grandes zonas abonadas, xa que son auténticas rozadoras naturais, ao tempo que contribúe enormemente ao repoboamento rural”, subliñan.