O BNG ante a comisión de investigación de urbanismo: “non hai mellor modo de salvagardar a imaxe do concello e das traballadoras e traballadores que clarexando o sucedido coa licenza”

Na primeira das reunións celebradas esta mañá, o BNG trasladou a súa proposta sobre o funcionamento e a dinámica de traballo que debe ter a comisión, establecendo un calendario dos traballos e evitar a súa prolongación “sine die”

 Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense non é sen tempo, máis hoxe, comezou os seus traballos a comisión de investigación pola obra do Parque de San Lázaro, concretamente a edificación ao carón da igrexa dos Franciscanos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo manifestou Luis Seara, representante do BNG en dita comisión,”constituíuse esta mesma mañá por decisión do órgano soberano do concello, que non é outro que o Pleno, logo de que un particular denunciara públicamente uns feitos, en relación cunha licenza, na que culpabilizaba ao concello do perxuizo causado”.

Esta cuestión está xudicializada máis aos representantes políticos, entenden desde o BNG, “correspóndelles determinar se houbo neglixencia e no seu caso responsabilidade política nesta cuestión. O outro xa o dictaminarán os tribunais de xustiza”.

Para os nacionalistas, non estamos diante dunha caza de meigas, nin ante un xuízo sumarísimo contra ninguén, mais hai que clarexar o sucedido e determinar se se puideron lesionar dereitos de terceiros e, xa se verá, se mesmo un perxuízo económico para as arcas municipais.

En canto á dinámica e metodoloxía da comisión, o BNG plantexou as seguintes cuestións:

 1. A comisión deberá ter ao seu dispor a documentación que obra no expediente, e canta outra se considere, con relación co obxecto desta comisión.

2. Deberá determinarse que persoa ou persoas deben comparecer na mesma, sendo lóxico que o faga, en primeiro lugar, a persoa que denunciou as irregulariedades. A partires de aí, deberán comparecer os funcionarios ou funcionarias que teñen relación co expediente, así como os concelleiros ou concelleiras que tiveron responsabilidades en materia urbanística.

3. Os traballos da comisión non poden durar “sine die”, polo que é preciso elaborar un calendario dos traballos e das comparecencias.

4. É preciso nomear un instructor que sexa o encargado de elaborar as conclusións e a proposta de resolución.

5. As reunións deben ser gravadas, ao abeiro do que estableza a Lei de protección de datos.

6. Por analoxía co que acontece coas comisións do Parlamento Galego, toda vez que no Concello de Ourense non hai nada específico recollido no Regulamento Orgánico de Funcionamento do propio concello, das conclusións da comisión, deberase dar traslado aos órganos xudiciais aos efectos legais oportunos.

 Rolda de prensa do alcalde

Para o BNG a comparecencia de Gonzalo P. Jácome desta mañá para falar das escoitas difundidas en días pasados por un medio de comunicación local, foi un cúmulo de despropósitos e surrealismo, onde lonxe de clarexar a súa participación nos feitos difundidos, adicouse como é costume nel, a difamar, insultar, encerellar e desviar a atención con argumentos peregrinos e como si dunha conspiración “xudeo-masónica” contra él se tratase.

Desde o BNG amosan o seu apoio aos profesionais dos medios de comunicación que teñen que soportar os continuos ataques e faltas de respecto, algo habitual no seu proceder diario.

Do mesmo xeito, pídenlle ao PP que aclare se as “explicacións” dadas polo alcalde esta mañá son da súa enteira satisfacción, se dan por pechado este novo capítulo e polo tanto, seguen a manter o seu apoio ao actual rexedor ou pola contra poñen fin a este esperpento no que está convertido o concello permitindo a formación dun goberno alternativo que permita sacar a Ourense da situación na que se atopa dunha vez por todas.

Os nacionalistas lembran que o PP continúa a día de hoxe formando parte da XGL pese a reincorporación a semana pasada do concelleiro Telmo Ucha e pese a dicir no seu día que sería con “carácter temporal”