O BNG ve no polígono agrario de Leiro unha “medida entre outras que non se concretan”

Dende o BNG entenden que o anuncio da construción dun polígono de terras de 100 hectáreas “non deixa de ser outro brinde ao sol do Partido Popular”. Aseguran que periodicamente cargos do PP anuncian medidas de reactivación para o Ribeiro, que logo nunca se concretan. O BNG critica que neste senso está moi relacionado o feito de que o 72% das adegas que recibiron axudas da Xunta de Galiza en 2020 para comercializar os viños fóra da UE foron de Rías Baixas.  Recordan que no 11 de febreiro de 2020 diferentes alcaldes do Ribeiro anunciaron a creación dunha mesa de traballo. Ata o día de hoxe aseguran que non volveron saber nada deses encontros.

No mesmo mes, o Consello Regulador presentou os resultados dun estudio que pretendía analizar a situación actual do Ribeiro e crear unha estratexia propia para a súa dinamización. Neste momento, afirman que ese documento atópase na sede do consello regulador “con un acceso restrinxido”. Dende o BNG afirman non entender o escurantismo que rodea a esa cuestión e piden ao Consello Regulador que mostre abertamente o resultado do estudio.

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde o BNG consideran que os líderes da comarca do Partido Popular non estána afrontando a realiadade e que as medidas que se deben tomar deben estar consensuadas cos seus protagonistas, os veciños e viticultores. Entenden que calquera saída á problemática actual da comarca debe ser consensuada e analizada cos nosos sectores productivos. É por isto, que en 2020 a formación mantivo diferentes encontros con colleiteiras e colleiteiros e adegueiras e adegueiros. Nesas conversas afirman que trataron de entender as necesidades que ten o sector. Un dos principais problemas que notan é o acceso á terra, a comercialización, innovación ou mantemento do patrimonio.

Por todo iso, dende o BNG piden ao Partido Popular que, en lugar de facer os anuncios aos que están acostumados e que nunca cumpren, se senten co tecido social da comarca e que tenten entender cales son as súas necesidades para avanzar.