Galicia recibirá 30.000 doses da vacina de Astrazéneca esta semana

Galicia recibirá ao redor de 30.000 doses da vacina elaborada pola farmacéutica Oxford-Astrazéneca a finais da presente semana. Así llo confirmou a Ministra de Sanidade, Carolina Darias, ao máximo responsable da Sanidade galega, Julio García Comesaña, durante a xuntanza mantida esta tarde no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Con estas novas doses, a Xunta de Galicia poderá seguir avanzando no proceso de vacinación iniciado o pasado 27 de decembro e así acelerar o seu ritmo á hora de administralas doses. Nestes intres, a comunidade galega xa ten administradas un total de 233.316 doses. Nomeadamente, 184.620 doses de Pfizer, 6.367 de Moderna e 42.329 de Astrazéneca.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, o Servizo Galego de Saúde xa vacinou coa primeira das doses a 115.163 galegos e galegas, aos que hai que engadir as 59.072 persoas ás que xa se lle administrou a pauta completa.

Neste intres a Xunta de Galicia está a vacinar cunha maior intensidade ás preto de 234.000 persoas que conforman a poboación de maiores de 80 anos na comunidade. Até o de agora, xa foron 42.594 persoas desta franxa de idade, que xa recibiron a primeira doses.

Así mesmo, no que atinxe á estratexia de vacinación que está a levar a cabo Galicia, a Xunta continúa coa vacinación dos grandes dependentes, o persoal docente, o persoal sanitario de clínicas privadas, os inspectores sanitarios, os facultativos do Imelga, os membros da Policía Nacional e Autonómica, bombeiros, persoal funcionario non-sanitario das institucións penitenciarias, os profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ao persoal dos centros de Día.

Este ritmo de vacinación sitúa na actualidade a Galicia no terceiro posto das comunidades autónomas que maior número de doses administrou, en relación coas vacinas recibidas.