O Psdeg-Psoe de Ourense conmemora o 8 de marzo día internacional da muller reivindicando o seu papel e o seu traballo cunha homenaxe ás mulleres sanitarias

O acto que tivo lugar na estatua da Torre do Baño, na Praza Saco e Arce, contou coa presenza de seis mulleres relacionadas co ámbito sanitario e serviu para dar relevancia a súa labor durante a pandemia

As socialistas destacan o seu compromiso na loita pola igualdade e láianse de que Ourense sexa a única gran cidade galega sen programación de actos alternativas para este 8 de marzo

O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa secretaría provincial de igualdade, celebrou esta mañá na Praza Saco e Arce un acto conmemorativo con motivo do vindeiro 8 de marzo no que se celebra o Día Internacional da Muller e na que os socialistas quixeron homenaxear ás mulleres sanitarias, con motivo da súa intensa labor durante a crise sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19. O acto tivo lugar diante da estatua Torre do Baño do artista Manuel Penín que representa o respecto polo altruísmo con maiúsculas, o feito de dar todo sen pedir nada, á incansable loita diaria, o traballo e a bondade.

PUBLICIDADE ELECTORAL

No acto participaron 6 mulleres relacionadas co ámbito sanitario que recibiron a homenaxe e un obsequio por parte da secretaría provincial de igualdade. Participaron no mesmo Uxía Oviedo, secretaria de acción electoral e política institucional das Xuventudes Socialistas de Ourense; a concelleira socialista, Natalia González; a secretaria provincial de igualdade, Zaida Rodríguez e o secretario provincial e voceiro municipal, Rafael Rodríguez Villarino.

A primeira das intervencións correu a cargo de Uxía Oviedo, que procedeu a lectura do manifesto con motivo do 8M e subliñou que os socialistas “sempre fixemos nosa a axenda feminista”, destacando que “é un aceno de identidade do noso partido e é a raíz da nosa loita, a mestura imbatible polo humanismo e a xustiza social”.  Oviedo tamén puxo o foco nas mulleres das que dixo “saíron do século XX e penetraron no XXI coñecendo a potencia da súa influencia”. Tamén recalcou que “esta forza, a razón que nos asiste, o pasado do que vimos e o futuro que labraremos polo ben común para todos e todas pola xustiza social”.

A concelleira socialista, Natalia González, quixo pór de relevancia que “Ourense será a única das 7 grandes cidades galegas sen programación de actos alternativa e adaptada ás restricións obrigadas polo COVID-19 para o Día Internacional da Muller”. A socialista tamén expresou que “o traballo e compromiso coa igualdade dos socialistas no Concello de Ourense acadou que a lo menos se convocara a XV edición do Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres, e puidera ser fallado en favor da laboura das mulleres do SAF no presente ano, porque o micro goberno de Jácome recoñeceu abertamente que nin sequera tiña previsto convocalo”.

González Beneitez tamén destacou que o PSOE “foi o único grupo político que puxo sobre a mesa unha batería de propostas no Consello Municipal da Muller para a programación do 8M, que foi obviada pola desidia, capacidade e falta de compromiso de Jácome e os seus, outro paso máis no desmantelamento dos actos a prol da loita pola igualdade e a defensa dos dereitos das mulleres despois do feito previamente o pasado 25N”.

Pola súa banda, a secretaria provincial de igualdade do PSdeG-PSOE de Ourense, Zaida Rodríguez, manifestou que “se algo acadou esta pandemia foi a necesidade de priorizar os coidados das persoas, unha labor tradicionalmente desempeñada por mulleres”. Rodríguez explicou que o motivo de homenaxear as sanitarias foi sen dúbida que “moitas mulleres de todo o mundo participaron de forma directa na resposta ante a pandemia na primeira liña como foi o caso das sanitarias ou as coidadoras das residencias de maiores polo que temos a obriga de non esquecernos delas”.

Rodríguez tamén fixo fincapé en que a pandemia da Covid-19 trouxo consigo diferentes consecuencias e que considera que “é necesaria a perspectiva de xénero”. A secretaria de igualdade dos socialistas ourensáns rematou amosando “o máis profundo recoñecemento e agradecemento a labor das traballadoras sanitarias que hoxe nos acompañan e para todo o colectivo do sector da sanidade”.

Rematou o acto o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, que comezou facendo referencia ao fundado do PSOE, Pablo Iglesias Pose, cuxos pais casaron en Ourense na Igrexa da Trinidade. O voceiro municipal tamén fixo referencia a Florence Nightingale a que dixo “debemos render tributo entre outras mulleres sanitarias, ao tratarse dunha referente”. Villarino fixo fincapé tamén, dirixíndose as sanitarias ourensás, en que “sodes as que levades na actualidade o amparo aos doentes en circunstancias difíciles, particularmente aos contaxiados polo coronavirus, poñendo en risco vosa saúde e a das vosas familias, de cuxa compaña tivésedes que afastarvos máis dunha vez para protexelas”.

Rodríguez Villarino tivo tamén palabras de agradecemento cara o colectivo de sanitarias, das que dixo que “grazas a vos os hospitais son matrias, e matrias son tamén vosas casas, lugares seguros ambos pola competencia, compromiso e denodado esforzo cos que vos aplicades cada día de traballo”. O secretario provincial finalizou apuntando ao recoñecemento público a estas mulleres por parte de todos os estamentos do PSdeG-PSOE de Ourense e apuntou que “neste día sentímonos afortunados de contar coa vosa presenza”.