O PSdeG-PSOE de Punxín rexistrou unha moción para ser debatida no vindeiro pleno municipal na que instan ao goberno municipal de Punxín, conformado polo Partido Popular e un concelleiro non adscrito, a solicitar a elaboración dun escudo heráldico propio. O obxectivo que se marcan as concelleiras socialistas é o de “aportar maior identidade” ao municipio, xa que consideran que “chegou o momento de que Punxín conte cun escudo propio que sirva para identificarnos como entidade local”.
Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que en 2020 cumpríronse 150 anos dende que Punxín foi ascendido á categoría de concello independente, motivo polo que consideran “importante” dotar ao municipio e a súa veciñanza dun escudo. As socialistas tamén afirman que “hai que rematar cunha fenda histórica con respecto a outros concellos da comarca”, xa que a día de hoxe Punxín é o único concello da bisbarra que non dispón dun escudo heráldico propio.
Para a voceira do PSdeG-PSOE no municipio, Lorena Peleteiro, os símbolos das entidades locais “son a primeira imaxe que a cidadanía percibe delas, xa que os identifica e diferencia, entre outras cousas, do resto de entidades”. Esta aplicación heráldica, supón en palabras de Peleteiro, “un signo de identidade para perpetuar e divulgar as peculiaridades históricas e xeográficas das entidades locais”.
