No pleno do pasado luns, o BNG instou o Concello de Barbadás á humanización de prazas e viais públicos

A iniciativa presentada polos nacionalistas, na que PSOE, PP e DO se abstiveron e onde CxB votou en contra, pretende devolverlle espazos públicos á veciñanza, ocupados a día de hoxe polo estacionamento indiscriminado de vehículos.

Os motivos esgrimidos polo Grupo Municipal do BNG de Barbadás no pleno do pasado luns na defensa desta moción baseábanse no feito de que logo de que se acometesen unha serie de reformas e melloras en varias prazas e rúas do concello como poden ser a zona vella da parroquia da Valenzá, ou na  parroquia de Parada, estas, lonxe de ser disfrutadas pola veciñanza, acabaron converténdose en novos estacionamentos para vehículos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o BNG, “a pouco que se mire para estes lugares, que unha vez rehabilitados deberan servir para a que veciñanza desas parroquias puidera disfrutar deles, observamos que se convirten en estacionamentos para os vehículos, polo que en vez de servir para que a nosas parroquias rurais se visualicen como humanizadas, normalizadas e que as prazas e rúas sexan para que a propia veciñanza desfrute delas, convertironse como dicimos en estacionamentos mais ou menos improvisados, sen orden nin control ningún”.

Segundo o portavoz do BNG en Barbadás Sarín Núñez, “desde este Grupo Municipal miramos con certa nostalxia a vilas como Allariz ou cidades como Pontevedra, onde se lles gañou terreo aos vehículos en beneficio da cidadanía. Cómpre gañar espazos para as crianzas, para os maiores, para todas e todos”.

Outra das cuestións plantexada polo BNG de Barbadás en dita moción foi a necesidade do incremento da vixilancia e control da Policía Local para evitar que se estacione sobre as beirarruas, como ben sinala Núñez “sobre todo nas parroquias, onde a veciñanza non pode transitar pola beirarrúa, pasar cun carriño de bebés ou cunha cadeira de rodas por que sempre hai vehiculos estacionados ocupando a metade ou mais desta zona de paseo”. Tamén se debera incrementar o control sobre as liñas amarelas ou os cebreados pois “parece xa asumido que tanto ten onde ou como se estacione”.

O portavoz nacionalista pediulle valentía política ao alcalde socialista Xose Carlos Valcarcel á hora de tomar decisións que poden parecer controvertidas nun primeiro momento pero que teñen grandes beneficios para o conxunto da veciñanza. Segundo expresou Núñez durante a súa intervención, “todo ten un coste político, como tamén o tivo en Pontevedra ou Allariz no seu día, mais con estas medidas beneficiase a cidadanía en xeral, e se hai que buscar novos estacionamentos que se faga”.

PUBLICIDADE