O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen hoxe participou na reunión telemática da Comisión de deputacións, consells e cabildos insulares da FEMP, defende “o protagonismo dos gobernos provinciais na xestión dos fondos europeos”. Isto vai na liña do demandado na última reunión onde Baltar expuxo ese acordo unánime da Comisión Nacional de Administración Local diante da ministra Carolina Darias e do secretario xeral de Reto Demográfico, Francisco Boya, quen hoxe tamén participou na reunión”.
Manuel Baltar considera que os gobernos provinciais teñen unha visión integral de provincia e suplen a carencia dos pequenos concellos, “xa que o territorio español non son só as grandes cidades, e os fondos europeos teñen que chegar a todos os quilómetros cadrados de Europa; por esa razón, nun momento no que o reto demográfico está instalado na axenda política, os proxectos importantes precisan de administracións con capacidade económica en recursos humanos, como os gobernos provinciais, para actuar de enlace co Goberno e coas institucións comunitarias co obxectivo de facer realidade investimentos en sostibilidade, dixitalización, economía circular, agroalimentación e mobilidade, entre outras áreas, que teñen como destinatarios os veciños de Europa, e quen mellor que os gobernos provinciais, que son os máis próximos aos concellos, para materializar estas propostas”.
O presidente da Deputación reafírmase en que “hai músculo intelectual nas deputacións e nos concellos, e a unidade do provincialismo español é unha fortaleza para demandar a relevancia dos gobernos provinciais neste escenario de fondos europeos de recuperación e de resiliencia da economía”.
PUBLICIDADE