A Xunta adxudica a redacción do proxecto de iluminación da ponte Esperela sobre o río Avia na estrada OU-209, en Leiro

Esta actuación, adxudicada por máis de 18.000 euros, conta cun prazo de 6 meses

A nova intervención na ponte Esperela considera diferentes alternativas de iluminación, tendo en conta a integración paisaxística da ponte na contorna

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta actuación daralle continuidade aos traballos de acondicionamento realizados recentemente pola Xunta, favorecendo a súa conservación e mellorando a súa imaxe, cun investimento autonómico de preto de 30.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto de iluminación da ponte Esperela sobre o río Avia, situada no punto quilométrico 3+280 da estrada de titularidade autonómica OU-209, no concello de Leiro.

Esta actuación de posta en valor da coñecida como ponte Esperela foi adxudicada á consultora E I C Duran S.L., por algo máis de 18.000 euros. A adxudicataria conta cun prazo de seis meses para redactar este proxecto.

Esta infraestrutura ten 180 metros de lonxitude, un ancho de 6 metros nos estribos e 4,8 metros nos arcos. A ponte está construída enteiramente con perpiaños de granito, consta de cinco arcos rebaixados e catro tallamares. A calzada ten unha rasante plana e os peitorís son de cantería maciza. As luces dos arcos son de 15 metros e as pilas teñen 2 metros de ancho.

De acordo co contrato, redactarase un proxecto construtivo que analice e valore a situación actual da ponte, o seu valor como elemento no entorno para propoñer distintas actuacións de iluminación.

Para isto, consideraranse diferentes alternativas de iluminación (taboleiro, petril, dovelas e laterais, intradós ou pilas), tendo en conta en todo momento a integración paisaxística da ponte na contorna.

Con esta nova intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez, darase continuidade aos traballos de acondicionamento realizados recentemente pola Xunta na ponte, encamiñados a favorecer a súa conservación e á mellora da súa imaxe. Esta actuación supuxo un investimento autonómico de preto de 30.000 euros

PUBLICIDADE