Declaracións de Gonzalo Caballero en Ourense

Gonzalo Caballero: “autónomos e pemes galegas recibirán importantes axudas directas porque o goberno de España aprobou o maior  plan de rescate a pequenos negocios da historia do país”

O secretario xeral critica o “esperpento continuo” causado por Jácome en Ourense: “Feijóo e Baltar puxéronno, e prefiren mantelo na alcaldía para manter a súa estrutura caciquil”

AVANTAR ACTIVIDADES

“A culpa non é de Jácome, senón de quen o sostén: un partido que se sostén en tránsfugas na Deputación de Ourense e en toda España”, denuncia Rafael Rodríguez Villarino

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Ourense en compañía do secretario provincial do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino, dende onde puxo en valor que o goberno de España aprobou “o maior plan de rescate directo da historia do noso país” para autónomos e pemes afectadas pola pandemia, con 11.000 millóns de euros, dos que 7.000 son para axudas directas, mentres a Xunta “escatimou” en axudas.

“Un goberno progresista é a mellor garantía da defensa da xente ante os riscos de desigualdade e pobreza por mor dunha crise tan profunda”, remarcou Gonzalo Caballero, logo de recordar que a dereita prefire “políticas de austeridade e recortes”, como vimos trala Gran Recesión.

Tras facer fincapé na diferencia de que goberne o Partido Socialista ou o PP, o líder do PSdeG recordou que o goberno de Pedro Sánchez fixo uns orzamentos expansivos e acadou un importante volume de fondos da UE cos que poder seguir tomando “medidas para protexer á xente”.

Así é que, ademais de financiar o paro e os ERTE, subir as pensións e apoiar a autónomos e empresas, agora mobilizará un fondo de 11.000 millóns de euros para axudar ás empresas incluíndo 7.000 millóns de euros en axudas directas e 4.000 millóns para refinanciamentos e recapitalizacións de empresas.

“Son 7.000 millóns de euros para que as pemes e os autónomos teñan cartos para resistir, e que chegarán tamén a Galicia”, resaltou Gonzalo Caballero, e apuntou que Galicia xa recibiu máis de 1.000 millóns de euros o ano pasado para os ERTE e o desemprego, outros 224 millóns para plans de reactivación e neste ano máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios para os orzamentos da Xunta.

“O goberno de Pedro Sánchez é un goberno que pensa na xente: ese é o noso sinal de identidade”, concluíu, tras indicar que Galicia recibirá máis de 200 millóns de euros en axudas directas desa nova inxección aprobada onte no Consello de Ministros.

“ESPERPENTO”

En paralelo, o máximo responsable do PSdeG abordou a situación de “esperpento continuo” que atravesa Ourense da man de Jácome “por responsabilidade do PP”.

“Feijóo e Baltar prefiren deixar a Jácome para manter a súa estrutura caciquil”, reprobou, ao tempo que incidiu en que “o PP é responsable de poñelo e de mantelo”.

“Ourense merece algo mellor”, asegurou o dirixente socialista, consciente dos “retrocesos” que se están dando en materia de igualdade ou cultura, da “incapacidade de xestión” de Jácome e da “paralización” da capital de provincia.

Por iso, chamou ao PP a deixar de converter Ourense “no epicentro do esperpento” e a “posibilitar o cambio que Ourense merece”. “Porque o PP está convertendo en protagonista o que tiña que ser unha anécdota no sistema político”, remachou.

“DECENCIA”

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que en España “goberna o PSOE, que é un partido responsable”, a diferenza do que ocorre en Ourense.

De feito, contrastou o “reparto xusto” dos fondos por parte do goberno de España co “reparto caciquil” que caracteriza á Deputación de Ourense.

Ademais, Villarino criticou que a comisión encargada dos proxectos europeos na Deputación está formada por “persoas sen experiencia” niso, coa única excepción de quen é “o responsable do único Edusi que non saíu adiante en Galicia”, Jorge Pumar, quen está agora “pagado por Baltar” logo da súa etapa como concelleiro en Ourense.

No caso da cidade, afondou, o alcalde só está nas “ocorrencias”, esta vez no que atinxe aos usos das augas termais, ás que tenta atribuírlle propiedades que non están probadas no canto de fomentar o seu uso mineiromedicinal para distintas afeccións.

O que deixou claro o voceiro socialista é que “a culpa non é de Jácome” senón “de quen o sostén” para que siga sendo alcalde: o PP, o mesmo partido que “se sostén con tránsfugas na Deputación de Ourense e en toda España”. “Decencia e PP é un oxímoron”, concluíu, non sen comprometerse a seguir formulando propostas para o ben da cidade e da provincia.

PUBLICIDADE