Dereitos humanos e dereitos dos animais

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artigo : ”  Dereitos humanos e dereitos dos animais ”

O debate sobre a posibilidade de que os animais teñan dereitos leva aberto desde hai aproximadamente seis ou sete décadas. A orixe deste problema procede de varios ámbitos: animalistas, especistas, ecoloxistas, etc. O fondo do debate cae dentro da moral, pero propiamente da ética. A pregunta fundamental sería esta: ¿Poden ser os animais suxeitos de dereitos? Ou, pola contra, ¿os dereitos son exclusivos das persoas?

En filosofía, o concepto de dereito, cando se aplica aos dereitos humanos ou mesmo aos dereitos subxectivos e obxectivos, é un asunto relacionado coa ética e coa moral. Non creo que sexa necesario aclarar que a ética e a moral son ideas diferentes, a pesar de ser moitas as persoas que confunden ambos conceptos. A moral relaciónase cos costumes e coa tradición dun determinado grupo social. Esa é a razón de por que existen moitas e diferentes morais: cristiá, budista, comunista, capitalista, neoliberal, islámica… A moral forma parte da antropoloxía e da etnografía ou etnoloxía. En cambio, a ética é a xustificación racional dos diversos tipos de moral. Por iso, a ética é unha e forma parte da filosofía. Cando se di que “hai que facer o ben e procurar evitar o mal” estamos movéndonos no ámbito da ética; en cambio, cando se considera que “roubar é malo”, estamos utilizando a moral dentro dunha determinada ideoloxía ou tradición social.

            Admitir que os animais son suxeitos de dereitos presupón situarse dentro da ética porque implica valorar o acto moral como tal e non a situación ou o suxeito concreto no que se produce a acción. En cambio, quen nega dereitos aos animais para atribuirllos exclusivamente ás persoas son aqueles que practican unha moral fundamentada no especismo. En conclusión, hai ideoloxías que defenden os dereitos como exclusivos das persoas e hai outras que os estenden aos animais. Con todo, para defender os animais, sería fundamental apelar á nosa capacidade para a compaixón e a empatía antes que utilizar como argumentos a existencia de supostos dereitos naturais.

O especismo

A palabra “especismo” foi utilizada por primeira vez no ano 1970 polo psicólogo británico Richard D. Ryder, gran defensor dos dereitos dos animais e da súa liberación. O “especismo” é o fundamento ético da discriminación dun acto moral pola especie na que ten orixe. Esencialmente consiste en xulgar un acto non como é en si mesmo, senón en función de quen o fai. Normalmente, o especismo parte da premisa de que a especie humana ten intereses e necesidades por enriba das doutros seres con capacidade para sufrir e sentir, sendo polo tanto superior ao resto de especies animais. É o que se coñece como antropocentrismo. No especismo discrimínase en función da especie, pero iso tamén se pode extrapolar ao racismo, á intelixencia, ao sexismo, ao nacionalismo, ao continentalismo…

            Os dereitos non son realidades, senón construtos humanos. En España o dereito a votar as mulleres comezou no ano 1931; na década dos anos corenta impúxose en Francia -no ano 1944- e en Italia -no ano 1946. En Chile, na década dos anos cincuenta. En África, o dereito permite cortarlle o clítoris ás nenas, e en China, durante un milenio, estruxábanselle os pés ás rapazas, coa dor que iso supoñía, na crenza de que os homes se sentían atraídos polos pés pequenos.

            A finais do século XIX, houbo un caso moi famoso que chegou ao Tribunal supremo dos EE.UU. Estaba relacionado co maltrato dun home negro. O abogado defensor arguía que aquel home tivera dores a consecuencia do maltrato recibido. Ante esa denuncia, o Tribunal Supremo comezou a discutir se decidían tomar o caso en consideración ou non. Finalmente votaron rexeitalo. E a xustificación era esta: a mera hipótese de que un negro poida sufrir no mesmo sentido en que pode sufrir un branco é tan obviamente falsa que este Tribunal non pode tomar en consideración este asunto. Como é doado deducir, ese tribunal ignoraba absolutamente a bioloxía, a anatomía e a fisioloxía humanas, pero seguramente non faltaron corifeos brancos que aplaudiron aos integrantes do Tribunal por tan precisa clarividencia. Ese tribunal non só carecía de coñecementos relacionados coa bioloxía, tamén se inmortalizaron os seus intergrantes pola inmensa ignorancia filosófica. A filosofía utiliza argumentos racionais de carácter universal, aínda que a súa aplicación revirta en casos concretos. E, por exemplo, se eu non quero que me retorzan un brazo porque me doe, teño que querer que non llo retorzan a ninguén porque lle doerá tamén.

Se ben é certo que nas últimas décadas existe na sociedade unha maior sensibilización pola vida e polo trato cos animais, hai que facer constar que xa no século XVII apareceron as primeiras leis na súa defensa. Foi no ano 1635 cando se ditaron as primeiras leis que protexen aos animais. Foi en Irlanda, onde prohibiron esquilar a la do gando ovino e atar arados ás colas dos cabalos baseándose na crueldade que iso supoñía cos animais.  

Con todo, se os dereitos son invencións humanas, do mesmo xeito que se crearon en París os Dereitos humanos aquel 10 de decembro de 1948, por unha resolución das Nacións Unidas, do mesmo xeito se poden crear os dereitos dos animais, ou das plantas, ou da auga, ou das rochas. Os dereitos son acordos de institucións cos que se facilita a vida dos individuos nos ámbitos nos que se promulgan. Por tal motivo, os Dereitos Humanos supóñense obrigatorios para todos os países que firmaron a Carta Internacional dos Dereitos Humanos, aínda que non sempre se cumpren. Esta Declaración dos Dereitos Humanos é o final dun longo percorrido que empezou sendo dereito natural, pero que no ano 1789, na Revolución Francesa, se proclamaron como os “Dereitos do Home e do Cidadán”. Dous anos despois, en 1791, a activista política francesa Olimpe de Gouges publicou a “Declaración dos Dereitos da muller e da cidadá”, que tomaba como modelo a “Declaración dos Dereitos do home e do cidadán”. 

            O proxecto da Declaración dos Dereitos Humanos foi aprobado polos 58 Estados que nese ano 1948 formaban a ONU, se ben co voto afirmativo de 48 Estados, 8 abstencións e 2 países que non asistiron. Por certo, España non estaba na votación porque non pertencía a ONU, á que entraría en 1955.

            Os 30 artigos de que consta esa Declaración dos Dereitos Humanos refírense á relación de cada persoa coa comunidade, ás súas ideas, relixión, liberdade…En 1977 aparece tamén unha Declaración universal dos Dereitos dos animais adoptada pola Liga Internacional dos Dereitos dos animais. Consta de 14 artigos e en cada un deles deféndese o dereito ao respecto polos animais, o dereito a non sufrir nin recibir malos tratos, a non ser exhibidos en espectáculos, etc.

            En todo caso, cada Estado ou Nación pode aceptar ou non eses dereitos. De feito, hai países que non aceptan determinados dereitos humanos, como no caso da non tortura ou da negación da pena de morte. En definitiva, respectar os animais e impedir o sufrimento e o maltrato poden formar parte dunha forma de condutas de determinados países, pero o que se busca e que se apliquen en todas partes, e iso non se defende desde unha lexislación ou desde unha moral dun país ou dun determinado grupo social, senón desde a ética, que ten percorrido mundial. Cousa diferente son as normas e regulamentos municipais, autonómicos ou nacionais relacionados cos lugares de entrada permitidos ou prohibidos das mascotas a espazos públicos ou privados, a pautas de circulación, a criterios sanitarios, etc.

Etapas históricas sobre o trato aos animais

Na Grecia do século V e séculos posteriores, atopamos teorías que equiparaban os animais aos seres humanos. Era o caso do animismo, do orfismo e de crenzas relacionadas coa transmigración das almas. Os animais, de conformidade con estas crenzas, teñen alma igual que os seres humanos, e moitas veces un animal cargaba coa alma dunha persoa despois de reencarnarse dunha vida anterior. Foi o caso do pitagorismo e do platonismo, que admitían a reencarnación de almas humanas en animais para purificarse de inxustizas cometidas en vidas pasadas. Desa maneira, a ética pitagórica era consecuente con esas ideas de respecto aos animais e prohibía comer carne, vestir con peles de animais e, loxicamente, torturalos. Eran, pois, vexetarianos. Cóntase que nunha ocasión foi o mesmo Pitágoras quen recriminou a un home que pegaba ao seu can, dicíndolle que nos ladridos daquel can recoñecía a un amigo seu que morrera había pouco.

En Roma, poetas como Virxilio, Lucrecio e Ovidio aluden aos animais expresando o seu profundo respecto; e filósofos como Plutarco, Plotino e Porfirio chegaron a desaconsellar que se sacrificasen para comer.

As sociedades hindús e budistas consideraban no mesmo nivel moral os animais e os seres humanos, calificando de delito matar un animal.

Na época bizantina, o emperador Xustiniano defendía un dereito natural común a cada ser vivo e non exclusivamente aos seres humanos. En cambio, Roma trataba aos animais como cousas, utilizándoos sen ningún escrúpulo moral para alimentación, traballo e diversión.

Na Idade Moderna, Descartes sostiña que os animais non sentían dor, polo que non podían ter consideración moral ao carecer de alma. En cambio, o filósofo inglés John Locke cría que a crueldade cos animais tiña efectos negativos sobre a evolución da ética nos nenos, pois eses actos transmitíanlle a brutalidade que de maiores utilizarían coas outras persoas. No século XVIII, Xeremías Bentham afirmaba que o importante non era se os animais falaban ou entendían, senón que non debían sufrir. Co puritanismo inglés comezou unha corrente de escritores que reivindicaba o benestar animal e criticaba a crueldade e a explotación.  

En 1781, promulgouse en Inglaterra a primeira lei respecto aos animais, coa que se tentaba controlar o trato ao gando nos mercados, dando paso cinco anos máis tarde a unha nova normativa regularizadora na que se esixía unha licencia para exercer a matanza. Tamén Schopenhauer se decantou polos dereitos dos animais, aceptando o pensamento oriental que mira polo respecto aos animais, ao tempo que culpaba ao xudaísmo das barbaridades que cometía o mundo occidental cos animais.

Con todo, na maior parte da historia, os animais eran maltratados, torturados e cruelmente matados. Vémolo por exemplo na Biblia, libro do Xénese, onde se di que Yahvé puxo os animais ao servizo do home. Incluso no xudaísmo sacrificábanse animais en honra de Deus. Igual sucedía en Roma, onde unha inmensa cantidade de animais eran sacrificados nos circos. Logo, durante a Idade Media, Moderna e Contemporánea, a caza representa ese instinto de crueldade cos animais.

            Actualmente son exemplos paradigmáticos de crueldade as corridas de touros, os correbous en Cataluña, a caza do zorro en Inglaterra, a pelexa de cans e de capóns, as inmorais tradicións medievais como a do toro da Vega en Tordesillas, onde soltan un touro cerca da praza do pobo e o levan cara á vega do rio Duero, perseguíndoo picadores e mozos ata darlle morte. Ou o “salto da cabra” que se celebraba en Manganeses de la Polvorosa, en Zamora, lanzando unha cabra desde o campanario sendo recollida polos mozos nunha lona. Esa festa, porén, desapareceu no 2002.

            Pero tamén na actualidade hai casos que rozan a inmoralidade co trato que se lle dá aos animais. Sucede nos casos de investigación, onde se seleccionan animais para facer experimentos científicos. Dáse tamén na gandeiría extensiva, onde os animais están estabulados e non se poden mover.

Cal é a tendencia social respecto ao trato animal?

Nos seres humanos a compaixón e a clemencia están profundamente arraigadas na nosa natureza, posiblemente tan profundamente como a nosa insensibilidade, crueldade e indiferenza. É probable que o noso pasado como cazadores condicionase os praceres da caza e mesmo a nosa poderosa inclinación polas armas, pero nese mesmo soporte herdamos a cooperación, a lealdade e a responsabilidade. Estas cualidades serían a consecuencia da hipótese do cazador defendida por Robert Ardrey e algúns outros antropólogos, segundo a cal o ser humano é “homo sapiens”, e non un chimpancé, porque durante millóns e millóns de anos en evolución matou para vivir. Desa maneira, o ser humano evolucionou como carnívoro, pero que ao practicar a caza maior en grupos aprendeu a colaborar, a compartir e a utilizar a interdependencia económica.  

Non teño dúbida de que a sociedade actual, en especial as novas xeracións, están profundamente sensibilizadas e comprometidas de forma xenerosa cos animais. A presenza de mascotas nas rúas e domicilios, en especial dos diversos exemplares e razas caninas, os espazos públicos nas cidades reservados para o lecer dos animais de compañía, a proliferación de clínicas veterinarias e o incremento de tendas e centros de produtos animais indican a empatía e a protección que exhala esta sociedade con estes seres vulnerables. Creo, pois, que camiñamos cara unha cada vez máis ampla concienciación para considerar aos animais como seres capaces de sufrir coma nós e de nos compadecer do seu sufrimento. Iso non implica que cando se trate de ser necesarios para a nosa alimentación recorramos a eles, aínda que intentando sacrificalos sen dor. Xa estamos vendo como agora se prohíbe sacrificar os porcos co coitelo, como era tradición nas nosas aldeas, sen antes sometolos a unha descarga eléctrica. O mesmo está pasando cos animais estabulados, sobre os que empeza a aparecer unha inspección para controlar que non sufran, así como para que o traslado aos matadoiros se faga sen amoreamentos. E, de feito, cada vez hai máis concienciación polo consumo de vexetais, polo consumo ecolóxico, polo consumo de ovos de aves en liberdade e non de granxas. Creo que camiñamos cara a esa “expasión do círculo da compaixión” á que se refería Darwin.

Un elemento importante da persoa é a súa capacidade para situarse de forma imaxinativa no lugar dos outros, de sentir simpatía ou empatía por eles, en definitiva, de sentir compaixón. Esta capacidade de poñerse no lugar do outro procede da intervención das neuronas espello, que se activan cando actuamos en determinadas accións observando a outros que actúan coma nós. Cando observamos o sufrimento dos demais, sufrimos nós tamén, o que implica a compaixón. A crueldade consiste no maltrato doloroso e intencional que se lle propina a unha persoa ou animal indefenso. O sufrimento gratuíto da vítima identifica a esencia da crueldade.

                                     Zarita, bichón maltés

Jesús Mosterín, mestre de perspicacia e gran valedor dos dereitos dos animáis, describe un dos ignominiosos costumes da España do século XVII que practicaban “los nobles aburridos…alanceando los toros a caballo”. O relato é arrepiante, pois “se laceraba y acribillaba a los toros hasta que éstos, desesperados, se lanzaban por un porrillo abierto al precipicio posterior…y se estrellaban, destripándose y lanzando sus vísceras por el aire, con gran regocijo de una corte grosera que aplaudía” (La cultura de la libertad).

Os dereitos, tanto humanos como animais, non son algo que se teña por natureza, senón que se crean por convención xurídica. As declaracións dos dereitos dos animais que ata o momento se crearon inclúen dereitos moi diferentes, pero en todas elas figura nun lugar principal “o dereito a non ser torturado”. Toda persona cun mínimo de sensibilidade entende que hai que preservar da tortura a todo ser con capacidade de sufrir, non só aos humanos. Ese é o camiño que marca a ética e esas son as claves que propón o noso sistema límbico para construír un mundo no que a empatía e a compaixón desterren definitivamente a dor e o sufrimento para lograr unha perfecta harmonía do ser humano coa Natureza.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.

PUBLICIDADE