Juan Carlos Francisco do grupo socialista reclámalle á Xunta que remita ao parlamento os 44 proxectos candidatos ao plan de recuperación anunciados por Feijóo no pleno desta semana

Juan Carlos Francisco urxe a habilitar “os instrumentos necesarios para que os concellos galegos poidan executar os fondos europeos”

O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, vén de presentar unha iniciativa parlamentaria para esixirlle á Xunta “nun prazo de tres días” a relación dos 44 proxectos que Feijóo anunciou no Pleno desta semana como supostos aspirantes ao Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

AVANTAR ACTIVIDADES

O responsable socialista lembra que foi o propio Feijóo quen exhibiu, na sesión de control do último Pleno, que xa tiña remitido aos ministerios do Goberno de España estes 44 proxectos para a súa avaliación e no seu caso foran incluídos no dito Plan. Francisco lembra que nos últimos meses a Xunta viña anunciando 108 proxectos, que neste último xiro ficaron reducidos a 44 dos que nada se sabe.

Os socialistas galegos urxen á Xunta a dar a coñecer estes proxectos na Cámara autonómica, incluíndo ademais a Memoria sobre o seu impacto no emprego, no crecemento económico, na competitividade e na modernización do país, que en última instancia deberan explicar o entusiasmo do presidente da Xunta.

Ademais, o parlamentario socialista reclámalle ao goberno autonómico que habilite “de xeito inmediato” os instrumentos necesarios para que os concellos galegos poidan executar os fondos europeos, tal e como está previsto no Plan Nacional no marco da cogobernanza. Lembra que “se ten anunciado reiteradamente que as comunidades autónomas e as entidades locais xestionarán en torno ao 58 por cento dos fondos no ámbito das súas competencias.

Por este motivo se realizarán convenios marco nas conferencias sectoriais ao longo deste primeiro semestre, co fin de transferir fondos e executar proxectos en ámbitos como o da auga, medio ambiente, educación, vivenda ou axuda a Pemes. Os fondos serán distribuídos para que as autonomías executen as convocatorias, polo que elas mesmas deberán habilitar pola súa banda as ferramentas para habilitar a execución dos fondos por parte dos concellos.

Priorizar proxectos

Juan Carlos Francisco incorpora nesta proposta a constitución urxente dunha ponencia parlamentaria para “conformar unha posición de país en torno á priorización dos proxectos que deben optar á asignación dos fondos europeos, co obxecto da súa inclusión no Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia.

O Grupo Socialista propón que esta ponencia conte coa participación das forzas parlamentarias, ademais de dar cabida aos axentes sociais e á Universidade galega, “previo cumprimento dos requisitos regulamentarios”.