O Comité pide a Celanova Decide, PSOE e BNG que fagan valer a maioría democrática para que se cumpra a lei de memoria en Celanova

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova completou a rolda de entrevistas cos grupos políticos aos que entregou o informe sobre o símbolo fascista do Outeiro da Obra e volveu pedir apoio para a retirada do mesmo.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Comité rematou a rolda de entrevistas cos grupos políticos da corporación municipal de Celanova falando coas concelleiras do PSdeG-PSOE, Tere Barge e Julio Vázquez, e con Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG. O Comité presentou aos grupos o informe histórico no que se demostra o carácter de símbolo de exaltación do golpe, a ditadura e o franquismo do monumento falanxista. Cabe lembrar que tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, avanzaron o apoio á retirada do monumento falanxista do Outeiro da Obra xusto ao comezo da campaña pública lanzada por este Comité hai un mes. Leopoldo Rodríguez reafirmou o compromiso do BNG de Celanova de facilitar o debate no pleno da moción rexistrada polo Comité e a posición favorábel das nacionalistas a dar cumprimento á lei estatal de memoria de 2007 impulsada polo goberno Zapatero.

O Comité que tamén -como informamos hai uns días- se entrevistou co alcalde, Antonio Puga, de Celanova Decide, quen asumiu a petición de que demanda de retirada da cruz se escoitase no pleno, non recibiu resposta do PP de Celanova, que por medio dunha publicación en Facebook do seu portavoz municipal na que afirmaba que “a historia temos que contala toda, sen ocultar unha parte” e que para “contar ben a historia” débense utilizar “canais éticos nos que todos estamos de acordo”.

O informe elaborado durante máis de dous meses polo Comité cun traballo de documentación en arquivos e outras fontes en Celanova, Ourense, Ferrol, Madrid e Figueres conta por primeira vez en oitenta anos unha parte significativa da historia de Celanova, a que transcorre nos meses de verán do 39, co triste protagonismo dunha unidade militar, a Bandera da Falange de Marruecos, mandada por un militar fillo dun celanovés, Joaquín Ríos Capapé, que como ben anotou Suso de Toro hai unhas semanas, empezou a guerra sendo dos primeiros sublevados e rematouna chantando un monumento fascista na terra de seu pai. Este Comité descoñece cales son os canais que pretende utilizar o PP para “contar ben a historia” e afirma que só hai unha posición “ética” a respecto do que aconteceu: a verdade, unha verdade que permaneceu silenciada durante varias xeracións e que hoxe é pública grazas ao esforzo deste Comité.

Esperamos pois que os representantes políticos democráticos das veciñas e veciñas de Celanova debatan, acorden e cumpran de vez a lei de 2007 e rematen co esquecemento, a humillación e o medo das vítimas segundo os principios sancionados polas Nacións Unidas de verdade, xustiza e reparación.

Moitas grazas a Celanova Decide por ternos escoitado e moitas grazas ao PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego por ter escoitado e animado esta iniciativa. Estas tres formacións dispoñen dos votos necesarios para deixar que o pasado saía, democraticamente, pola porta do presente oitenta anos despois daquel verán do 39.