Polo Avieiro de dona Emilia (35): Quen é o da última fila, o da esquerda?

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


Hai unha imaxe icónica no camiñar das Irmandades da Fala e do galeguismo, tamén por ser dun momento convulso, de división. Nas escadas de acceso ao mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte, un grupo de participantes na IV asemblea das Irmandades posa con conciencia de posteridade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Era febreiro de 1922. Entre os retratados, moitas das figuras singulares da política e cultura galega da altura e, en especial, da futura; ata seis persoeiros aos que se lles dedicou o día das letras (Castelao, Losada, Blanco Torres, Manuel Antonio, Otero, Antón Vilar Ponte), algún outro que o ten ben merecido e algún que non aparece na foto, o “xefe” Risco, aínda que tamén estaba en Monforte[1].

Sobre a foto icónica hai identificacións varias, mais, coa opinión dos amigos expertos Moncho Ermida e Miguel A. Seixas e a identificación do non menos amigo Felipe Senén, aínda que con dúbidas, fago a proposta que segue para a foto dos sentados nas escaleiras de San Vicente do Pino, en Monforte, durante a IV asemblea das Irmandades da Fala:1ª fila: Castelao, Arturo Noguerol, Losada Diéguez e, máis afastado, coa boquilla na man, Antonio Sánchez González; 2ª: Ánxel Casal ou Lois Peña Novo?, Antón Villar Ponte, Blanco Torres, Otero Pedrayo e Vázquez Monxardín; 3ª fila: Manuel Antonio, coa súa “paipa”, Lustres Rivas, Ramón Vilar Ponte e o número 13, que non é outro que o “noso” Calviño.

1-Na escaleira de San Vicente do Pino, Monforte (Fundación Otero)

Aínda o outro, día paseando polo Carballiño na compaña do Xulio Álvarez, vimos vir de fronte a Ánxeles, a filla do Calviño, e acordoume o que me dixera o Felipe sobre o personaxe número 13, o último da esquerda na parte superior da foto: “igualiño á súa filla Ánxeles”.

Hai outra foto no mesmo día e lugar pero sen “posar para a posteridade”, polo que están “cubertos” de chapeu de feltro ou pucha proletaria. Con esta última, ollos afundidos e rostro aguzado, o terceiro pola esquerda da foto é Xosé María Calviño Mariño, na compaña, a comezar pola dereita: Losada, Otero, Ramón Vilar Ponte, Blanco Torres, Manuel Antonio, Antón Villar Ponte, Castelao, Casal ou Lois Peña Novo?, Antonio Sánchez  e Monxardín. O que está no centro da imaxe, en plena reviravolta, coidamos que é o xornalista Lustres Rivas.

Fundacion Penzol, archivos, Biblioteca Penzol, Casa da cultura Galega, Concello de Vigo

Sabemos que Euxenio Charlón Arias (1887-1930), o prolífico autor dunha manchea de sainetes satíricos, que escribía e representaba a medias con Manuel Sánchez Hermida (1888-1940), estivo en Monforte  e sabémolo porque un exemplar das súas pezas teatrais máis destacadas, Mal de moitos e Trato a cegas, dedicoullo a Calviño o 20 de febreiro de 1922. Exemplar que o propio Calviño lle deu a Felipe Senén aló polos restos da década do sesenta.

Capa de Mal de moitos coa estrela irmandiña. (Foto F. Senén)
Dedicatoria de Charlón a Calviño (Foto Felipe Senén)

Xosé María Calviño Mariño naceu en 1892 na parroquia cerdedense de Figueroa e faleceu na carballiñesa de Arcos o 21 de novembro de 1971. Seguimos nesta recadación de datos biográficos as achegas de Manuel Igrexas[3] e Patricia Arias Chachero[4]. Segundo estas pescudas, Calviño, como tantos galegos na altura non resistiu as tentacións americanas e alá viaxou, á Arxentina, con pouco máis de 17 anos, en 1909. A aventura  transoceánica non debeu durar moito, aínda que serviu para aprender o oficio de camareiro e obter experiencia sindical. Retornado, antes do inicio da Gran Guerra, estableceuse na Coruña e traballou no Hotel Palace, Palax, escribe Calviño, “en tres distintas etapas y en largas temporadas”, onde coñeceu personalidades do mundo cultural. Cumpridas as súas obrigas laborais, íase, di el mesmo, “a mi peña del Kiosko Alfonso” presidida por Rof Codina con Antón Vilar Ponte e Álvaro Cebreiro, outros coruñeses e os que se achegaban ata a cidade, e cita “Novoa Santos, Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, A. Noguerol, alma de la Revista “Nós”, y así tantos y tantos, y hasta por unos días, formó tertulia con nosotros García Lorca…”. O “Palax” era un desfile de figuras, entre outras lembra a Sofía Casanova, coa que tivo certa relación de amizade, e á Pardo Bazán que “ya en los días finales de su existencia gloriosa, iba muchas veces, y en cierta ocasión me llamó la atención sobre el por qué la miraba tanto” [5].

E ben sabido que o resultado da reunión monfortina supuxo a escisión do nacionalismo en dúas ponlas, por unha banda a Irmandade coruñesa, con Peña Novo como referente, e pola outra a Irmandade Nazonalista Galega que comandaba como “xefe” Vicente Risco. Ao ano seguinte celebrouse a V asemblea nacionalista na Coruña na que se inicia unha tentativa de achegamento ao proletariado, acordando o estudo “no prazo máximo de tres meses o xeito millor para a creación da Confederación do Traballo Galego”[6]; nesa resolución tivo moito que ver a intervención do camareiro Calviño, activo no movemento sindical e mesmo orador en representación do seu sector no gran mitin convocado pola Federación Local Obreira despois dunhas intensas xornadas de folgas e mobilizacións[7] contra a guerra de Marrocos e a condena a pena de morte para un cabo coruñés que participara nun acto de insubmisión en Málaga. Un mes despois Primo de Rivera, coa anuencia do Borbón de quenda, daba un golpe de estado.

Esta querenza libertaria e radical no social, que contrasta, nos anos finais, cunhas estrañas xaculatorias relixiosas, mantívoas o Calviño. En maio de 1932 escríbelle ao seu amigo Otero Pedrayo “A contestación á Constitución lla vai dar, pra tristura e ruína de todos, a C.N.D.T., que é onde se atopan os homes” e, anos máis tarde, xa no 44, dille: “Pra min, ti, encarnas o honor, a nobreza e as libertades de Galiza. Nada digo da xusticia social, pois ista s-aproxima en alas do comunismo…”[8]. O contraste a que nos referimos queda tamén ben patente noutra carta na que, apesarado, preocupado pola viaxe do Ramonciño, e o trato que lle dá, a América, no 47, dille:

Xa sabes que son pouco crente, pero encarézoche d´ende Galiza que lle teñades unha misa a os que cobardamente foron asesinados por querer a liberación da Terra. Por aqueles que non volveremos a ver máis. A eles debémoslle todo; e prepararnos pra honralos cando a hora chegue, que chegará… TERRA A NOSA!.

Pasaran vinte e un anos da foto “posada” de Monforte; dos 13 retratados, a catro chimpáronos as balas dos fascistas sublevados: o alcalde ferrolán Xaime Quintanilla, contra as tapias do cemiterio de Canido, o 18 de agosto de 1936; ao día seguinte, nun foxo da estrada de Cacheiras, apareceu o corpo sen vida do rexedor de Santiago, Ánxel Casal; os xornalistas Blanco Torres e Lustres Rivas foron “paseados”, o primeiro o 3 de outubro preto de San Fiz de Galez no concello de Entrimo, o cadáver do segundo, apareceu no Alto da Cuncheira, na parroquia redondelá de Trasmañó. Losada falecera en 1929, Manuel Antonio e Euxenio Charlón en 1930 e Antón Vilar Ponte en 1935, Castelao no exilio. Ficaba Lois Peña Novo, anulado como Calviño, e dous persoeiros menores, Antonio Sánchez González, presente en Monforte por amizade con Otero, e Monxardín, pouco querido por Calviño[9], e a “bandeira ergueita” que mantiña Otero que “Queiras ou non queiras , o patriarca eres TI”[10].

O Calviño enxerga tamén este vincallo entre o Deza e o Avieiro pardobazaniano. Segundo Manuel Igrexas en 1927, aos 35 anos, chega a Lalín como carteiro urbano ao tempo que asume a delegación local de El Pueblo Gallego

Calviño como corresponsal de El Pueblo Gallego en Lalín 27.8.1933

Durante os anos dezás desenvolveu as súas actividades en dúas direccións, recuperar o asociacionismo agrario e conseguir para Lalín un instituto de bacharelato. Na primeira chegou a ocupar o cargo de Secretario da Sociedade Agraria, así como de correspondente do xornal agrarista La Zarpa. No ensino anima os mestres a que se asocien ante a deplorable situación das escolas rurais e inicia unha campaña para dotar a vila dun instituto de secundaria, neste labor solicita axuda de Otero Pedrayo.

A familia de Calviño debía ter algunha caste de parentesco co popular crego, agrarista e deputado republicano, morto no exilio, Basilio Álvarez. O crego de Beiro leváballe 15 anos ao noso protagonista, pero tratábao con aire paternal e mesmo oficiou a súa voda, con Esclavitud Moure Moure, na igrexa ourensá de Santa Eufemia. Tras a cerimonia, o crego pronunciou “una sentida plática en gallego”[11]. Vicente Risco foi o padriño. Otero Pedrayo e “Froro” López Cuevillas asinaron como testemuñas.

Dende Lalín súmase, mediante un telegrama, á homenaxe que lle argallaron a Otero en Ourense. Foi o 8 de xuño de 1930[12]. Di Calviño:

Galiza, a Galiza ceibe que todos cobizamos pra incorporala ás grandes democracias d´Europa, atoparase hoxe ahí á veira d´ise home estraordinariamente bo é xeneroso capaz de ser na nosa terra en política un De Valera, en poesía un Tagore e en amor e sacrificio por Galiza, un Gandhi ou un alcalde de Coor[13].

En carta a Ben Cho Shey (22/11/1956) para demandarlle axuda por asuntos da pensión dille que: “Non cobro máis, pola razón de que entre excedencias e a suspensión no 36, que durou algúns anos, non me correspondía máis”. Cando se puido reincorporar a Correos, en 1940, destinárono a Vigo e pronto lle concederon o traslado ao Carballiño, onde se xubilou. Compaxinaba o traballo de Correos coas correspondencias de varios  medios, como Faro de Vigo, La Región, La Noche ou mesmo ABC. Abriu un quiosco chamado “Correos”, pero coñecido como de Calviño; cóntalle a novidade futura a Ben Cho Shey, no “día da Inmaculada” de 1956

Na casa dos Quiroga, na praza maor da vila, en onde a Condesa escribiu o Cisne de Vilamorta, e no portal que é amprio e bó, vou poñer un kiosquiño de revistas, prensa etc. Catro anos levaba tras a filla de Jorge e do xenro[14], e por fin mo cedeu. Xa veremos en que “fregado” me meto.

Mesmo enriba, na primeira planta, establecera a súa consulta un bo amigo de Calviño e Otero, o dentista Porfirio Fernández Quinteiro. Xosé María argallou nun “mes das frores chovente” do ano 1967 a sorpresa para o dentista con motivo da voda da filla:

Tal domingo 4 do mes que ven casase a filla dos nosos amigos da Clínica, ou sexa, de Porfirio. Si ben se casa en Oseira, a boda é casi familiar, en total uns 80. Hay hasta bendición do Papa. O recramar a vosa asistencia alí é iniciativa “privadisima” miña, pois sei a ledicia que pra eles supón que vayades e a sorpresa. Vos como si nada soupeses do asunto (…). Ten en conta, Ramonciño, que a rapariga por parte de nai é de teu colega o historiador López Ferreiro; polo tanto honras tamén ao compañeiro. Terminada a ceremonia en marcha hacia o Carballiño, pra xantar “opiparamente” no Casino. (…) Eu, Dios mediante, irei a todo canto haxa que ir, menos o Casino. Declareille o boicot pechado. (…) O xantar o sirve a Celia, e en secreto tamén lle dixen que ibades. (…) Eu o chegar da “pantemina sacramental” (esquecede a irreverencia) fuxo do resto.

Da correspondencia de Calviño que puidemos consultar, a de Ben Cho Shey gardada no arquivo da deputación de Ourense e a de Otero conservada na súa fundación e na Penzol, despréndese a relación do carteiro con moitos dos persoeiros da cultura galega dos anos vinte e durante a ditadura. As referencias a Risco, Blanco Amor, Basilio Álvarez, Sofía Casanova, Cuevillas, Castelao, A. Cebreiro, García Sabell, Ramón María Aller, Fariña Jamardo, Piñeiro, Paz Andrade, Chamoso Lamas, Monxardín, Ferro Couselo, Tovar… son constantes, algunhas pouco agradabeis para os citados. En especial chama a atención que mantivese correspondencia frecuente con Virxinia Pereira, a viúva de Castelao.

En Arcos do Carballiño faleceu aos 79 anos. No “mes de defuntiños”, escribiría Calviño de ter que facer a súa propia necrolóxica.

Xosé María Calviño Mariño (Fundación Otero-CCG)



[1] Sobre a asemblea de Monforte ver Torres Regueiro, X.(2015): “As actas da IV Asemblea Nacionalista e a escisión das Irmandades da Fala (Monforte, 1922)” en Anuario Brigantino, nº 38, pp. 237-260

[2] Ver https://ourensenotempo.blogspot.com/2016/10/identificando-persoeiros-das-irmandades.html

[3]https://historiasdedeza.wordpress.com/2020/04/29/xose-maria-calvino-o-carteiro-anarquista-e-galeguista/

[4] http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26911

[5] Calviño Mariño, J. M.: “Viejas glorias sentimentales que se hunden” en La Noche, 27/4/1967

[6] Beramendi, X. (2007): De provincia a nación. Vigo: Xerais, p.689

[7] El ideal gallego, 30/8/1923

[8] Cartas de Calviño a Otero asinadas en Lalín (24/5/1932) e no Carballiño (12/3/1944).

[9] Cartas de Calviño a Otero (Mes de San Ramón, 1958 e Nadal, 1958) e Ben-Cho-Sey (1/1/1959)

[10] Carta a Otero 13/4/1962

[11] El pueblo gallego, 7/11/1928

[12] EPG, 8/6/1930

[13] Telegrama de Calviño a Otero 8/6/1930. Refírese a Terence MacSwiney, alcalde de Cork, elixido polo

Sinn Féin, en 1920, en plena guerra de independencia irlandesa, encarcerado por sedición faleceu tras 74 días de folga de fame que situaron o conflito irlandés na primeira plana dos xornais de todo o mundo. Pode entenderse como significativa esta dispersa escolla de persoas de renome internacional que podería interpretarse como a síntese ideolóxica do Calviño da altura.

[14] Refírese á bisobriña do dona Emilia, Amparo Quiroga Quiroga, filla de Jorge Quiroga García, casada co militar Gonzalo de Vargas Fernández de Cordova.

———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia

Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (31) : Vilamorta recoñece á Pardo Bazán.

Polo Avieiro de dona Emilia (32) : Calviño e a Bazán (1).

Polo Avieiro de dona Emilia (33) : Calviño e a Bazán (2).

Polo Avieiro de dona Emilia (34): O meu Calviño

PUBLICIDADE