A Xunta e Castrelo de Miño colaborarán nun estudo de viabilidade mineiro-medicinal na contorna do encoro

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co rexedor para avaliar iniciativas que poidan dinamizar a actividade local

A Xunta de Galicia destaca que ao ser Concello Emprendedor ten prioridade á hora de acceder a axudas en materia de innovación, emprego ou emprendemento

AVANTAR ACTIVIDADES

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, co obxectivo de estudar medidas e iniciativas que poidan dinamizar a actividade económica deste municipio ourensán.

En concreto, acordaron colaborar na realización dun estudio de viabilidade mineiro-medicinal das augas do Parque Náutico, na contorna do encoro. Establecerán unha axenda de traballo conxunta para identificar os pasos necesarios que deben adoptarse.

Por outra banda, desde a Vicepresidencia segunda concedéronse, desde 2009, axudas tanto ao Concello como ás súas empresas e particulares, que mobilizaron ao redor de 2,6 millóns de euros para reforzar o seu tecido empresarial, impulsar o comercio e mellorar o aforro e a eficiencia enerxética.

A Xunta destaca as vantaxes coas que este municipio conta ao ser Concello Emprendedor, xa que ten prioridade en liñas de axudas destinadas a impulsar a fábrica intelixente,
o emprego de calidade ou o emprendemento baseado na innovación e no talento. Pola súa parte, os concellos comprométense a ofrecer ás empresas que se instalen nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e simplificación na tramitación administrativa.

O Goberno galego tamén está a traballar, no marco do Plan de reactivación, en medidas coas que se están mobilizando 3000M€ en investimento público e privado para recuperar a economía. En concreto, desde a Vicepresidencia segunda ofrécense 180 millóns para financiamento e 170,5M€ para distintas liñas de axudas directas relacionadas coa dixitalización, a innovación, o apoio a sectores afectados pola covid-19, a eficiencia enerxética, a mobilidade sustentable ou a transformación empresarial.