O Psdeg-Psoe de Pereiro denuncia que a construción de cubertas en tres parques infantís son unha “chapuza”

O Psdeg-Psoe de Pereiro denuncia que a construción de cubertas en tres parques infantís son unha “chapuza” con graves deficiencias e que non protexe a zona de xogos

Os socialistas critican que o concello recibiu unha desas obras sen rematar e con deficiencias na estrutura o que provoca que a zona infantil de xogos “estea valada e sen trazas de poder abrirse”

AVANTAR ACTIVIDADES

O voceiro do PSdeG en Pereiro, Jorge Gutiérrez, afirma que as obras tal e como están construídas “constitúen un malgasto de cartos públicos porque non dan o servizo correcto á veciñanza”

O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar denuncia que o grupo de goberno municipal do Partido Popular levou a cabo a construción de tres cubertas nos parques infantís do municipio que son unha “auténtica chapuza”. Os socialistas critican que a obra, tal e como está realizada, non cumpre a súa función de evitar que a choiva e sol impacten directamente nas crianzas, xa que como apuntan, as cubertas apenas cobren as zonas de xogos e noutros casos as randeeiras tiveron que ser retiradas, pois non entraban debaixo destas estruturas.

A obra estaba encadrada dentro dunha subvención da Xunta de Galicia que tiña como fin que os concellos puidesen cubrir as áreas de xogos infantís nos parques e protexer aos nenos e ás nenas da choiva e dos raios de sol directos. As axudas, que remataban o 31 de outubro, tiñan que ser xustificadas e no caso de Pereiro de Aguiar o orzamento superou os 100.000 euros, pero segundo indican os socialistas “trátase dun malgasto dos fondos públicos, xa que nalgún caso o parque non se puido nin abrir e noutros a estrutura non cubre nin un terzo da área de xogos”.

O Concello de Pereiro de Aguiar decidiu realizar estas actuacións nos parques infantís das urbanizacións de Veiga de Abaixo, Monterrei e Tapada de Bouzas, nas que se construíron tres cubertas. Dende o PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar critican, que no caso da cuberta no parque infantil de Veiga de Abaixo, “o parque está cuberto, pero sen xogos infantís e cun valado arredor por mor de varias deficiencias e incumprimento da normativa de seguridade de parques infantís que impiden a súa apertura”.

O voceiro socialista, Jorge Gutiérrez, afirma que a obra “foi xustificada, pagada, certificada e recibida polo Concello dende fai 4 meses” e denuncia que “non se pode pór en funcionamento porque a estrutura está, os piares son de formigón e non están protexidos contra posibles caídas, con arestas vivas e saíntes perigosos para as crianzas”, ademais sinala que “había unha randeeira, pero coa estrutura construída non entraba debaixo, polo que tiveron que retirala e gardala, quedando o parque con menos xogos infantís dos que tiña anteriormente”.

Situación similar que se repite no parque infantil da urbanización de Tapada de Bouzas “onde a estrutura non cubre nin un terzo do parque”, destaca o voceiro socialista que tamén apunta a que o Concello “tivo que incorporar canlóns para evitar que a auga caese directamente no parque debido a inclinación da mesma”, ou no caso da urbanización de Monterrei, onde o parque infantil existente quedo fóra da cuberta e sen protexer.

Para o voceiro dos socialistas de Pereiro a situación “é lamentable e amosa o pouco planificación en realizar ditas obras para que cumpran a función para a que foron realizadas e pagadas, cubrir os parques infantís para o seu uso durante todo o ano”. Gutiérrez explica que se puxo en contacto con varios concellos da provincia nos que se fixeron obras similares ecoa mesma subvención, nas cales a súa estruturas “si cobren na sua totalidade as áreas de xogos, ao realizarse con estruturas metálicas de gran lonxitude, sen necesidade apoios intermedios para evitar obstáculos no seu interior, e cubertas de  policarbonato translucido, de gran resistencia contra os elementos meteorolóxicos, e cun menor custo”.

Para os socialistas a situación “é vergoñenta” e esixen “solucións urxentes para unha chapuza que non cumpre a súa función, nin contar coas medidas necesarias de especial seguridade para a súa apertura, ao estar destinado a crianzas”. Pídenlle ao Concello que busque alternativas para “arranxar as deficiencias” e que non retire randeeiras “xa que as crianzas non teñen a culpa da metedura de pata do goberno municipal do PP”, que aumenten e melloren os xogos existentes, e tamén no resto de parques do municipio de forma planificada.