Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (4) Coser o tecido urbano norte sur (I)

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.


A cidade de Carballiño estrutúrase ao longo dun eixo lonxitudinal que a percorre de norte a sur no que se localizan os principais locais de lecer e os establecementos comerciais máis representativos, a coñecida como rúa “Principal” e a súa prolongación pola rúa Curros Enríquez. Esta configuración espacial atópase seccionada en dirección leste a oeste por unha arteria dedicada ao acceso en automóbil, a rúa Conde Vallellano.

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde antiguo a Estrada Nacional N- 541 (Ourense – Pontevedra) irrumpiu no centro urbano de Carballiño converténdose nun elemento estructurante que supuxo fragmentar o espazo público. Hoxe en día, as vías de alta capacidade que dan acceso ao centro urbano de Carballiño (Autopista Ourense – Santiago e Vía Rápida Ribadavia – Cea) continúan situándose maioritariamente ao leste do Concello, o que determina que esta dirección sexa o acceso preferente á zona central do núcleo urbano.

En consecuencia, a rúa Conde Vallellano constitúe posiblemente o eixo que soporta o maior tráfico da cidade, dando lugar a unha barreira lonxitudinal que dificulta a integración urbanística do casco urbano, fenómeno que se agrava severamente no treito da Alameda e a Praza do Emigrante, e que continúa na “Avenida”, ainda que neste caso con menor intensidade.

Deste xeito, pode parecer razoable pensar que unha actuación urbanística na citada rúa é prioritaria pola necesidade de acadar obxectivos do seguinte tipo:

  • Dotar á cidade “DUNHA ENTRADA REPRESENTATIVA”, no acceso de maior afluencia a esta, acorde cos seus valores e a súa gran capacidade de atracción comercial e de lecer. Neste sentido, convén lembrar que a “PRIMEIRA IMAXE” que se percibe dun lugar é a que máis conta.
  • Establecer UN ACCESO EMBLEMÁTICO, CÓMODO E SEGURO entre o centro da cidade e un dos seus principais puntos de referencia, o Templo da VERACRUZ.
  • Remediar ou CORRIXIR O DÉFICIT DE ACCESIBILIDADE PEONIL, entre a zona norte e o núcleo central da cidade, orixinado pola elevada intensidade do tráfico.   
  • Recuperar o ESPAZO PÚBLICO PARA O DISFRUTE PEONIL da veciñanza, no que os peóns teñan prioridade sobre os automóbeis.

Para acadar os anteriores obxectivos sería necesario declarar “ESPAZO DE ESPECIAL PROTECCIÓN PARA O PEÓN”, con carácter permanente, o ámbito comprendido entre o cruzamento de rúa Conde Vallellano coa Evaristo Vaamonde ata a Praza do Emigrante e a Alameda.


Para iso, estímase necesario que no citado ámbito espacial se poñan en práctica as seguintes medidas:

  • Converter a rúa nun ÚNICO CARRIL DE AUTOMÓBILES que facilite o acceso no sentido leste-oeste. É dicir, prohibir o sentido de circulación en sentido oeste-leste.
  • Establecer as CONDICIÓNS PARA O DISFRUTE PEONIL que á vez garantan a súa seguridade tales como: reducir ou eliminar o espazo destinado a estacionamento de vehículos, amplas beirarrúas, unha plataforma única (con beirarrúas ao mesmo nivel que a calzada), pavimento diferenciado para vehículos, etc.

Crear un ESPAZO VERDE QUE HUMANICE A ENTRADA Á CIDADE, tipo boulevard ou similar, que facilite establecer un espazo estancial e de descanso

No que se refire ao aproveitamento das rúas para o uso de estacionamento de coches, ábrese un amplo abanico de posibilidades que van desde a ausencia de automóbiles na rúa ou o actual uso de aparcamento en liña, ata alcanzar a súa máxima capacidade de estacionamento con aparcamentos en oblicuo, cando o ancho da rúa o permita, pasando polas diferentes combinacións destas distintas modalidades. Na elección débese ter en conta que en tódolos casos as beirarrúas deben contar polo menos con dous metros de ancho libres de obstáculos (farois, árbores, sináis, papeleiras, terrazas, etc.).

Neste caso, entendo que o máis apropiado é tentar infundir no condutor, que previsiblemente vén de realizar un modo de condución máis ou menos rápido, a percepción de que entra nunha zona de condución acougada, nun espazo de convivencia entre coches e persoas.

Para iso, entendo que se lle debería dar á rúa un tratamento de diminución progresiva da hexemonía presencial dos coches, que facilite esa de transición. Así, o condutor pasaría dun estado da rúa de dobre sentido, con aparcamento en liña a ámbolos dous lados ou en oblicuo nun deles (final da rúa do Conde Vallellano), a un tramo con de sentido único, pero no que aínda continúa o estacionamento en liña a ámbolos dous lados (rúa do Conde Vallellano entre as rúas Evaristo Bahamonde e Aldara), para rematar noutro tramo de prevalencia peonil no que continúa o sentido único, pero no que xa non existen coches estacionados na rúa (rúa do Conde Vallellano entre as rúas Aldara é a Principal).

Tamén suxiro estudiar a conveniencia de que neste último treito, no cruce coas as rúas Principal e Curros Enrriquez e ata a Alameda, se levante a calzada ata alcanzar o nivel das beirarrúas e que o pavimento sexa de tipo diferencial, por exemplo semellante ó da rúa Curros Enriquez ou xogando co cambio de cores, así como de estender este mesmo tratamento ata entroncar coa “Avenida”.

Por último, quixera lembrarlles que non poucos urbanistas coinciden en sinalar que “o de DEIXAR O COCHE NA RÚA, EN REALIDADE, É UNHA OCUPACIÓN DO ESPAZO PÚBLICO PARA USO PRIVADO, algo que vimos considerando como normal, pero que pode que non o sexa tanto”.

Nota. No anterior artigo figura citado José Fariña Fajardo, como antiguo secretario do concello, cuando en realidade o nome correcto é José Fariña Jamardo.


Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Inicia a súa actividade profisional na División de Medio Ambiente da empresa INFORMES Y PROYECTOS S. A. (INYPSA). Posteriormente, incorpórase ao Ministerio de Obras Públicas (MOPU) integrándose no equipo formado para poñer en marcha o procedemento de avaliación ambiental previsto na Directiva 85/337/CE, participando na elaboración das primeiras declaracións de impacto ambiental que se redactan en España. Desde fai máis de tres décadas vén levando a cabo a súa actividade nas empresas PROYECTOS MEDIO AMBIENTALES S. A. (PROYMASA) e CONSULTORES EUROPEOS AMBIENTAIS S. L. (CEA), das que é socio fundador. Nun primeiro momento, como membro da Oficina de Asistencia Técnica da Comisión Europea para o control e seguimento do Programa LIFE en España e Portugal e, posteriormente, como Director Técnico da Área de Avaliación Ambiental das dúas empresas. Entre o multifacético abanico de traballos realizados nesta Área desataca a súa vinculación cos aspectos ambientais do urbanismo, un dos máis recentes é a dirección dos traballos para a elaboración do Estratexia Local de Economía Circular, da Federación Española de Municipios e Provincias, na que a “Sustentabilidade dos espazos urbanos” ocupa un importante lugar (https://www.municipiosyeconomi  acircular.org/).


Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (1) aspectos xerais da mobilidade urbana

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (2) Itinerarios de preferencia peonil.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (3) Reordenar a configuración do tránsito motorizado

PUBLICIDADE