Apertura da primeira fase do Complexo Deportivo e Acuático de Monterrei

A obra completa conta cun orzamento de 10 millóns de euros, ao 50 % entre Deputación de Ourense e Xunta, e será “unha infraestrutura deportiva de referencia en deporte e actividades acuáticas de lecer do noroeste da península”, destacou Manuel Baltar no acto inaugural celebrado en Monterrei 

Alberto Nuñez Feijoo salientou “o compromiso da Xunta coa saúde a través do deporte coa inauguración da fase deportiva do Complexo de Monterrei, unha infraestrutura de referencia para toda a familia” 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 22 de marzo de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, no acto inaugural da remodelación do Complexo Deportivo e Acuático de Monterrei, que esta será “unha infraestrutura deportiva de referencia en deporte e actividades acuáticas de lecer en Galicia e no Norte de Portugal”. Nun acto celebrado na contorna do complexo deportivo, xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o presidente do goberno provincial dixo que nunha xornada como a de hoxe, “na que celebramos o Día Mundial da Auga, celebramos tamén un investimento feito realidade, que marcará un antes e un despois para este concello e para a provincia de Ourense”, remarcando a implicación que tivo o anterior alcalde de Pereiro de Aguiar, Eliseo Fernández, “quen foi o máximo responsable institucional deste concello durante 32 anos”. 

Baltar puxo de relevo “o valor da auga, que é vida, e na provincia de Ourense tamén, saúde” e referiuse á importancia da cooperación, entre administracións e entre o ámbito público-privado, colaboración que fai posible que tamén neste mesmo municipio, esteamos a converter a contorna do encoro de Cachamuiña, froito da cooperación entre a Deputación e o Concello, no gran parque de ocio da área metropolitana de Ourense, con iniciativas novidosas que van desde o Parque da Igualdade ata rutas de sendeirismo, entre outras infraestruturas”. 

Manuel Baltar agradeceu a colaboración do presidente Feijoo, “quen entendeu perfectamente o obxectivo da proposta que lle fixemos para poder materializar esta infraestrutura deportiva á que seguirá a construción do parque acuático, que será unha referencia no noroeste peninsular”. Froito desa cooperación, dixo, tamén está a facerse realidade o proxecto do Centro Galego de Innovación da FP, na capital ourensá, como tamén os fondos de apoio á hostalaría ou o bono turístico, ademais da colaboración cos concellos para a adquisición de maquinaria para a prevención de incendios forestais. 

Na mesma liña, Alberto Núñez Feijoo agradeceu a cooperación do presidente Baltar e da Deputación de Ourense para facer realidade “un complexo deportivo de referencia para toda a familia”. Non en van, cun investimento total de 10 millóns de euros –cofinanciado ao 50 % entre a Xunta e a Deputación de Ourense-, esta actuación contará cunha zona acuática, ademais da zona deportiva, xa en pleno rendemento, formada por: unha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas, unha pista de atletismo e unha pista específica cuberta para bicicleta BTT e deportes urbanos. 

Feijoo avanzou a previsión de que no mes de maio se entregue o proxecto construtivo da segunda fase relativa ao parque acuático, co obxectivo de que as obras das piscinas infantil e familiar estean finalizadas en 2022. Posteriormente desenvolveranse outras tres fases máis para levar a cabo distintas infraestruturas relacionadas co lecer. 

“Estamos a falar dunha intervención integral nun complexo que contará cunha oferta deportiva desestacionalizada, aberto 365 días do ano; e cun espazo de lecer que mantén os espazos verdes e a vexetación existente, sendo un referente de adaptación ao medio e á contorna natural”, destacou.