O actual goberno leva 5 anos promentendo a súa confección pero a demanda da Policía Local da semana pasada, deixa en evidencia que segue sen rematarse.
Cada certo tempo, atopámonos con casos de falecementos de anciáns nesta situación que se poderían previr con dita ferramenta.
Son moitos os servizos que se poderían prestar para mellorar as condicións de vida dos castigados coa soidade non desexada, unha das pragas do século XXI.
MOCIÓN DE ESPAZO COMÚN
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Fai xa máis de 5 anos que a, daquela, concelleira de Servizos Sociais e o alcalde, señor Fumega, puxeron enriba da mesa o compromiso da creación dun censo das persoas maiores que viven soas no noso concello.
Non é esaxerado dicir que a idea nos pareceu a todos certamente positiva, incluso necesaria, xa que é obvio que a soidade non desexada é unha das pragas máis crueis do século XXI.
No Carballiño, segundo datos oficiais, viven máis de 3.000 persoas maiores de 70 anos
Cada vez son máis as tristes novas relacionadas con falecementos de anciáns que viven e morren en soidade, en moitos casos, sen que as administracións cheguen a ter coñecemento da súa situación ata que xa é demasiado tarde.
Ter localizado a este grupo de poboación pode axudar moito a facilitarlles unha vida mellor e a previr estes casos.
Moitas veces, os membros involuntarios deste colectivo, son vítimas da falla de información, dunha cada vez máis fonda desconexión da realidade, caen no abandono en materia de saúde e hixiene…
Esta problemática, coma case todas, aínda se vé máis agravada no mundo rural, onde a despoboación provoca que haxa incluso maiores vivindo sós nunha aldea sen ninguén máis en quilómetros arredor.
Poder facerlles un seguimento, prestarlles apoio cando o precisen, ofertarlles actividades e, sobre todo, previr problemas que estas situacións acaban acarrexando en case tódolos casos, son motivos máis ca suficientes para dar un pulo a esta iniciativa.
Lamentablemente, pasados estes 5 anos, o censo segue sen levarse a termo. Coma é habitual, levamos lido dúcias de titulares pero cando fixo falla empregar esta listaxe, nas primeiras semanas do confinamento, quedou patente que esta ferramenta que podería ser de garn utilidade estaba sen facer ou polo menos sen rematar.
En días pasados, sorprendémonos coa nova de que a Policía Local demandou celeridade na súa elaboración, o cal xa é de todo punto incomprensible a estas alturas.
Cómpre que o alcalde e a concelleira de Servizos Sociais, deixen xa de facer fotos e dar titulares valeiros e que se poñan a traballar para que, dunha vez, este censo sexa unha realidade.
Visto todo o anteriormente comentado,
SOLICITAMOS
- Que o Concello do Carballiño elabore no prazo de tres meses o Censo de persoas maiores que viven soas no Carballiño.