O BNG de Celanova reclama unha prospección arqueolóxica na área da Casa da Neve

As nacionalistas consideran que as últimas informacións sobre a presenza de vestixios históricos obrigan ao Concello de Celanova e a Patrimonio Cultural a investigar o posíbel interese patrimonial de bens non catalogados.

O BNG de Celanova rexistrou este martes, diante de informacións aparecidas nos últimos días en prensa, unha moción para o seu debate no pleno na que solicita do Concello de Celanova que tramite de maneira urxente a catalogación da área da Casa da Neve -na que se proxecta a instalación dun polígono eólico- como lugar a protexer.

AVANTAR ACTIVIDADES

 As nacionalistas piden que se inicie así o proceso para a realización dunha prospección arqueolóxica na zona.

No texto, o BNG de Celanova subliña que informacións achegadas por Xosé Luís Méndez Ferrín, polo exdirector xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, e membros da Academia de San Rosendo advirten da posibilidade da presenza de vestixios arquitectónicos relevantes e sen catalogar que poderían constituír bens de alto interese patrimonial.

Leopoldo Rodríguez, concelleiro do BNG, instará no pleno o goberno municipal a iniciar os trámites diante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que se execute unha intervención arqueolóxica nos terreos, cando menos nos que corresponden o termo municipal, nos que está proxectado o polígono eólico co fin de determinar a presenza de bens susceptíbeis de seren salvagardados baixo as figuras de protección existentes.

Desde que o pasado mes de xaneiro en que o BNG preguntou no pleno polo proxecto de construción dun polígono eólico na área da Casa da Neve, “fóronse coñecendo unha serie de informacións e foise formando unha conciencia social ao respecto do valor dun ámbito xeográfico relevante polo seu interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico e cultural como é a vila e a contorna de Celanova”, explica o BNG na moción rexistrada hoxe.

As nacionalistas xa presentaron outra moción o pasado 8 de marzo na que solicitan que o alcalde de Celanova informe á veciñanza do proxecto e que convoque a todos os actores que promoven a construción do polígono eólico a informar tamén á veciñanza sobre as características do mesmo. Naquela altura o BNG de Celanova anunciou que estaba a recoller datos sobre o proxecto, e o día 15 solicitou da Xunta de Galiza a paralización do mesmo polas afectacións paisaxísticas e no patrimonio e avanzou que fará alegacións o documento inicial presentado pola empresa diante da Administración galega.