O Psoe censura a “inacción da consellería de emprego” diante da perda de poboación activa

A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez, criticou hoxe a “inacción da Consellería de Emprego” diante da grave perda de poboación activa de Galicia, que incide sinaladamente entre as mulleres contratadas en precario que “son, unha vez máis, as grandes prexudicadas”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento diante da desatención da Xunta ao mercado laboral.

Rodríguez criticou a “autocomplacencia” do Executivo autonómico, que aplaudía pola caída do paro rexistrado agochando que esta cifra coincide coa baixa da afiliación á Seguridade Social e cunha grave caída da poboación activa en Galicia. En total, 18.200 persoas en idade de traballar abandonaron o mercado laboral galego  en 2020 ante a falta de expectativas de emprego mentres o número de fogares sen ingresos aumentaron en 1.200 ata os 31.300 en toda Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria socialista salientou a súa “preocupación” por parte do goberno galego, que presenta “tarde, mal e arrastro” axudas a autónomos e pemes por só 140 millóns de euros, lonxe dos 220 millóns que destinará o goberno de España polo mesmo concepto e que se engaden aos 130 millóns xa entregados en 2020 para políticas de emprego.

O Executivo autonómico, dixo, deixou sen executar 376,2 millóns de euros en políticas activas de emprego entre os anos 2016 e 2018, deixando aos traballadores desprotexidos diante dunha crise que se ceba co emprego temporal. O mercado laboral galego expulsa, dixo, 17.500 persoas con contrato temporal, das cales 12.200 son mulleres, fronte á impasibilidade da Xunta.

Lamentou que o goberno galego se manteña “de brazos caídos” mentres é o goberno central o que tivo que destinar 1.360 millóns de euros para a prórroga dos ERTEs que permitiron manter a milleiros de traballadores dentro do mercado laboral. Entre marzo e decembro de 2020, sinalou, 207.013 traballadores por conta allea estiveron en algún momento baixo a protección dos ERTEs aprobados en Galicia e recibiron 570 millóns de euros.