Maside reformará o centro de saúde e o saneamento na zona de Corzos

O pasado mércores, día 24 de marzo, José Manuel Iglesias e José Antonio Abeledo, alcalde e secretario respectivamente do Concello de Maside reuníronse en Santiago con Alfonso Rueda, vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia.

O vicepresidente comprometeuse a unha subvención que ascende a preto de 50.000 euros para a rehabilitación da cuberta do edificio do centro de saúde. O resto das obras contempladas –consistentes na substitución da carpintería exterior, construción dun aseo de minusválidos, a supresión de barreiras arquitectónicas e a sectorización da instalación de calefacción– serán asumidas polo Sergas, logo da visita dos técnicos de Ourense e Santiago, responsables do Departamento de patrimonio da Consellería de Sanidade do pasado 16 de marzo e na que inspeccionaron o edificio.

AVANTAR ACTIVIDADES

O segundo tema tratado na reunión é un convenio de colaboración entre o Concello de Maside e a Axencia de Turismo de Galicia, semellante ao asinado no ano 2020, para unha actuación arqueolóxica no castro de Santa Mariña consistente na súa revitalización e posta en valor, cun orzamento que ronda os 25.000 euros.

Rueda, por último, tamén se comprometeu a unha subvención de 60.000 euros para a obra consistente na ampliación da rede de saneamento na zona de confluencia dos concellos de Maside e O Carballiño, no lugar de Corzos e de acordo co Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021. Co fin de solicitar esta subvención, o Concello de Maside ven de aprobar un convenio de agrupación co Concello do Carballiño.