Esta decisión confirma punto por punto o que o BNG leva dicindo desde hai meses. A decisión de non facer programación cultural no auditorio, de non ter licitado a contratación dos técnicos e técnicas audiovisuais do mesmo e de non ter asinado o convenio co AGADIC estaban na base da futura privatización deste espazo público.
O BNG amósanse totalmente contrarios á decisión de privatizar a xestión do Auditorio Municipal ao tempo que lembran a importancia do propio edificio desde a súa posta en funcionamento e o gran traballo levado a cabo polo persoal da Concellería de Cultura ao longo de todos estes anos.
Para o portavoz nacionalista Luis Seara, o desmantelamento da concellería de cultura é unha evidencia máis da “estratexia, desmantelamento e privatización da cultura. Estratexia encetada no seu día coa eliminación das máis importantes referencias culturais e continuada co baleiramento dos espazos culturais como a sala Valente ou o Museo Municipal”.
De igual modo, Seara lembra que toda esta situación e que todas as decisións de Jácome “contan co amparo do PP, un PP que colocou a un alcalde letal á fronte da alcaldía e que o mantén pese a todo o dano que lle está causando ao concello”.
A privatización do auditorio é unha mostra máis da perigosa deriva á que Jácome e o PP, están conducindo ao concello da terceira cidade do país. Hoxe é o auditorio, mañá o Pavillón dos Remedios e pasado mañá o propio concello en sí.
Desde o BNG fan unha chamada á sociedade no seu conxunto para que amose o seu rexeitamento diante desta decisión que cruza todas as liñas vermellas. “Hai que pór fín a este inimigo público, polo que facemos de novo, un chamamento a PP e PSOE para que antepoñan os intereses de Ourense aos seus propios”.
Igualmente, os nacionalistas convocan ás xentes do tecido cultural da cidade e cantas outras teñan interese a unha reunión a celebrar o vindeiro luns a partires das 19:00 h. no Liceo de Ourense co obxectivo de avaliar a situación cultural da cidade no seu conxunto e de modo particular esta decisión anunciada.
Se non pomos remedio, Jácome non só pasará a historia por ter sido un alcalde letal para Ourense, senon tamén por ter sido o enterrador da cultura.
PUBLICIDADE