A Xunta destina 3 M€ para a renovación de electrodomésticos en 20.000 fogares galegos

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, presenta o programa Renove Electrodomésticos.

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, presentou a convocatoria, enmarcada no Plan de axudas ao comercio galego, que o vindeiro martes abrirá o prazo de adhesión de establecementos

DOG Premer na Imaxe

AVANTAR ACTIVIDADES


Con esta iniciativa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, facilitarase nos fogares galegos a renovación de frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavalouzas e encimeras

Os apoios favorecerán a mobilización directa de 10,5 millóns de euros, así como unha redución de emisións de CO2 equivalente á acción de 60.000 árbores, aforros de 560.000 euros anuais na factura enerxética e a creación ou mantemento de ao redor de 150 empregos

Prestarase especial atención ás familias vulnerables, que na convocatoria anterior xa recibiron o 40% do importe das axudas

O programa forma parte do Plan de axudas ao comercio galego que a Administración autonómica vén de activar

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo en Santiago de Compostela un encontro coa Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN) no que presentou a nova convocatoria de axudas destinada á renovación de electrodomésticos nos fogares galegos. Este programa de apoios permitirá a 20.000 familias, durante este ano 2021, aforrar 560.000 euros ao ano na súa factura enerxética.

O programa Renove Electrodomésticos está dirixido a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total.

As axudas, ás que se destinan un total de 3M€ -o que supón un incremento do 70% con respecto á convocatoria anterior en 2020-, serán de concorrencia non competitiva e as solicitudes tramitaranse a través de entidades colaboradoras.

As axudas poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, o 50% para os vulnerables e o 75% para os vulnerables severos, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos. Prestarase especial atención ás familias vulnerables.

Con esta nova convocatoria a Xunta prevé promover unha mobilización de 10,5M€, aforros económicos anuais de 560.000 euros, unha redución do consumo enerxético de 4050MWh/ano, unha diminución das emisións de CO2 equivalente á plantación de 60.000 árbores e a creación de, aproximadamente, 150 postos de traballo.

Galicia avanza, polo tanto, na transición enerxética promovendo un cambio cultural que proporciona ás familias as ferramentas necesarias para a descarbonización da economía a través deste programa Renove Electrodomésticos, pero tamén do fomento das renovables ou da promoción dunha mobilidade sustentable.

Preténdese non só a redución dos custos enerxéticos e a mellora da calidade de vida ligada ao coidado medioambiental, senón tamén contribuír á reactivación económica, xa que se agarda a adhesión de ao redor de 500 comercios a esta iniciativa. Ademais, aproveitarase para informar aos consumidores sobre a nova etiquetaxe derivada do reescalado da cualificación enerxética.

Neste sentido, as entidades colaboradoras poderán adherirse ao programa Renove Electrodomésticos desde o próximo martes, 30 de marzo, e ata o 30 de xuño, mentres que o prazo para os particulares se abrirá durante a segunda quincena de abril.

Preto de 12.000 actuacións na convocatoria anterior

Na pasada convocatoria, a Xunta apoiou un total de 11.822 actuacións por un importe de 1,7M€. Máis da metade para a compra de lavadoras, que foi o produto máis demandado polos beneficiarios. O 40% do importe das axudas foi para familias vulnerables. En total, mobilizáronse 6M€ e conseguíronse aforros económicos de máis de 300.000 euros ao ano.

O programa enmárcase no Plan de axudas ao comercio galego, sumándose así aos Bonos Activa Comercio aprobados a pasada semana, unha medida coa que se prevé beneficiar a 330.000 clientes a través de bonos desconto de 30 euros cos que se mobilizarán máis de 55M€ en vendas nos establecementos de proximidade. Ambas as dúas iniciativas teñen como obxectivo reforzar a competitividade do sector e incentivar o consumo favorecendo, deste xeito, a súa recuperación.

PUBLICIDADE